Gran Sol

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

VERÍN

01 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Encontrei nos meus amigos os irmáns (fillo único) que me faltaron na familia. Un deles, Paco. Hoxe é un dos empresarios máis prósperos de Verín. Sector do electrón. A vida foille ben. Traballador e cunha intelixencia espléndida. Somos dunha xeración á que ninguén regalou nada. A Paco, tampouco. Cando era moi novo e recén casado con Amalia, unha flor, emigrou a Andorra. Todos pensamos que ía montar un taller eléctrico. Díxome que non era así. Ía rexentar unha peixería. Pensei que estaba mofándose de min. Paco, que pensaba que o Gran Sol era un paraíso de luz. Paco, que sabía de case todo, pero non diferenciaba unha faneca e un rapante. Paco, quédate en Verín. Botoulle valor. Había que prosperar. O trato era que el transportase o peixe e Amalia, coa súa amabilidade e coñecemento do oficio, se encargase de despachar. Pero Amalia tiña que facer de cando en vez recados. Daquela, Paco quedaba á fronte do negocio. El, que sempre falou galego, ao principio encontraba dificultades no nome das especies. Me pone una lubina. De eso no tengo, contestou. Cando a señora lle amosou o que quería, Paco dixo: ¡Ah, robaliza! A dama aquela era resabiada e vía en Paco un motivo de chanza. Outra vez que quedou só, a señora pediulle lirios. Eso son flores, respondeulle. E ela, cursi, díxolle: Lirios, bacaladilla o perlita, en Andorra le llamamos así. Oiga, gallego, y de qué zona es el pescado que venden ustedes. Paco contestou o primeiro que lle veu á cabeza: del Gran Sol. Uy, en invierno apenas pueden faenar con las tempestades, dixo a clienta. Paco, cargado de razón, respondeu: ¿Por qué piensa que le llaman Gran Sol?, allí no llueve nunca, señora. Obviamente, Amalia non volveu saír a facer recados.