«As modas, en pintura, rematan por devorarse a si mesmas e desaparecen»

VERÍN

Santi M. Amil

Manuel Vidal empezou como delineante, para rematar como pintor, docente e restaurador

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O decorrer da historia familiar e a posguerra marcaron a vida do pintor Manuel Vidal (Boente, A Coruña 1945). Os pais estaban en Barcelona, aínda que por aquilo dos costumes e a tradición o rapaz naceu en Galicia, e naqueles primeiros anos de infancia e adolescencia en Vic iniciouse no mundo da arte. As clases nos Maristas e logo, aos oito anos, o traballo co debuxo e a pintura no taller de Puntí -profesor de Belas Artes na Universidade de Barcelona- marcaron o futuro do rapaz. O pai, ferroviario, desexaba voltar á Coruña é pediu o traslado. Non foron as cousas como desexaba o proxenitor de Manuel Vidal e a familia chegaba a Ourense en 1957 coa apertura da nova liña ferroviaria. «Non era o que meu pai quería, pero ao acceder a unha praza aquí polo menos conseguía o que desexaba, que era volver a Galicia».

O escenario mudou radicalmente as previsións daquel mozo que chegou á cidade con 12 anos. As facultades de Belas Artes quedaban lonxe e os recursos económicos en plena posguerra non chegaban para asumir o gasto que representaba facer a carreira. Manuel Vidal colleu o consello do pai e meteuse a traballar como delineante. «‘A ti dáseche ben o debuxo. Empezas por aí e logo, se che van ben as cousas, xa fas o queres’. E así o fixen», lembra o pintor. Dos seus anos como delineante e proxectista garda moitos e bos recordos. Comezou no estudio do arquitecto Antonio Alex Reinlein e logo seguiu no de Xavier Suances, a quen coñeceu cando empezou a traballar con Alex Reinlein. Ao vir da mili decidiu apostar polo que anceiaba: procurou un horario de mañá para adicar as tardes á pintura. E foi daquela cando empezou a traballar co arquitecto Luis Garayzabal. Dos seus anos como delineante, botou 22, lembra e ilustra con vivencias inesquencíbeis proxectos como o de construcción do Pazo de Xustiza -«había un obradoiro de canteiría alí mesmo, 22 ou 23 canteiros traballaban nel, e escoitabas todo o día labrar a pedra. E as vigas de ferro fundíronse no sitio»-, a apertura da variante de Ponferrada ou a edificación do Hospital de Ourense.

En 1972 apostou por adicarse «con determinación» á pintura e en 1982 púxolle o ramo á súa etapa como delineante. Dende entón compaxinou a súa faceta como pintor co ensino -primeiro na Escola de Artes de Verín e logo na Escola de Artes e Oficios da Deputación- e tamén abriu un obradoiro de restauración. Ao longo de 25 anos como docente ten formado a máis de mil alumnos e garda bo recordo de moitos deles. Lembra a relación e os consellos do pintor Luis Trabazo, a quen coñeceu cando lle estaban proxectando a casa, e sempre se decantou por ir aos museos para aprender dos mestres clásicos. Na restauración entrou por consello dun amigo: «Manolo Buciños tróuxome un cadro de Mariano Barbasán para que llo restaurase. E ao recollelo díxome que me debía adicar a iso, e formeime e estudie as técnicas para facelo». Vidal foi sempre un pintor figurativo: «As modas, en pintura, rematan por devorarse a si mesmas e desaparecen. Nunca crín nas modas. Identifícome co mundo do realismo, do figurativo. A obra ten que explicarse por si mesma, non cunha lenda ou a través dun título para informar do que quixeches expresar. O abstracto góstame, pero non é unha pintura auténtica, é para decorar. Un Velázquez ou un Rembrandt non son para decorar, un cadro abstrato si».