«A historia da batalla de Rande tócame moi preto»

VERÍN

O ex director xeral de montes e escritor presenta a súa segunda novela esta tarde na Feira do Libro de Verín

01 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a apertura onte da Feira do Libro de Verín, co pregón pronunciado por Xosé Carlos Caneiro que presentou «Todas las vidas de Madame Bovary», hoxe tócalle o turno a Alberte Blanco Casal. Ás 20.00 horas presentará a súa segunda obra literaria. O escritor e ex director xeral de Montes publicou en 2013 a súa primeira novela, titulada «Arcadia. Os gardiáns do segredo». Agora dá a coñecer «O códice esmeralda», unha novela histórica que recrea a vida dos mariñeiros a través de varias tramas. Xa está nas librarías dende hai uns dez días.

-¿Por que unha historia sobre a contenda naval de Rande do século XVIII?

-Esta é unha historia que tócame moi preto. Por unha banda, eu nacín a escasos metros da ría de Vigo, onde tivo lugar esa batalla naval. Esa proximidade levoume a ter elementos sobre a historia. Ademais, existen datos familiares que me encamiñaron cara a elección deste relato nese contexto histórico e nese lugar en concreto.

-¿Como logrou a documentación que sirve de fondo á intriga do relato?

-É unha novela, non un ensaio. O traballo de documentación non é tan intenso. Documenteime no Archivo de Indias e nalgún libro existente sobre a batalla, que é un mero fondo da historia relatada, non o centro básico do libro.

-¿Como se estrutura?

-Ten 420 páxinas e divídese en tres apartados. Existe un fío condutor que é a vida dos mariñeiros ría viguesa. O inicio sitúase en 1702, na batalla, pero a trama chega ata o século XX. Hai saltos no tempo, varios flashback no narración.

-¿É unha novela de intriga?

-Hai elementos de intriga e de aventuras no relato. A batalla de Rande posibilita un bo material para o fondo narrativo.

-¿Ledo de que a estrea do texto sexa en Verín?

-Moito. Estarei acompañado na presentación na feira do libro de Verín por Manuel Bragado, director de Xerais, a editora do texto.

-¿Pensa seguir publicando?

-Si. Imos publicar en breve un novo libro. Será un estudio sobre o monte galego que faremos entre varios autores. Será unha visión persoal e crítica sobre a problemática forestal do país.