Quinquis

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

MIGUEL VILLAR

11 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O primo Gerardo xa cumpriu setenta e un anos. Segundo el, 852 meses ou 25.915 días. Eu non botei as contas. Pero se iso afirma o primo Gerardo, para min resulta dogma de fe. Andaba contento aí atrás, especialmente na ponte do Primeiro de Maio, cando descubriu o significado da palabra quinqui. Eu estaba vendo na casa Camino de la horca, de Raoul Walsh. El chegou e comezou a rir. «Que pasa, Gerardo?», preguntei. Contoume que lembraba o bar Chaves. Un paisano afirmaba de cotío que o mellor actor do mundo era ese que tiña un burato no papo, Kirk Douglas, protagonista desta película de Walsh. Tamén me contou que o mesmo paisano aseguraba que o segundo actor en preponderancia era «Clint Estavoz», coñecido tamén coma «Harry o Sucio». O bar Chaves daquela semellaba Macondo, pero en versión Verín. Por alí pasaban os personaxes máis extravagantes, tamén aqueles que só querían un barman que os escoitase con profesionalidade e cariño. Eran outros tempos. Agora todo mudou. Todos desconfían de todo. Ata do meu primo Gerardo. Unha das súas teimas é mirar se as cerraduras das casas dos familiares ou dos seus coches están verdadeiramente pechadas. Na ponte do Primeiro de Maio paseaba por Verín, como cada mañá. Estaban estacionados, un detrás doutro, os coches da prima Luísa, da súa filla Araceli e o noso. El, como cada día, intentou abrir as portas dos vehículos para cerciorarse de que efectivamente estaban pechadas. Un, dous, tres. En fronte, uns turistas que o miraron con moita desconfianza. O primo Gerardo intentou dicirlles que el só comprobaba que as portas estaban cerradas. Non o deixaron. Mirándoo con desdén berraron, simplemente: «¡Este es un pueblo de quinquis!».