Mercedes Peón: «Hai un rexurdir da nosa música tradicional baseada nas pandereteiras»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

VERÍN

Mercedes Peón, nunha actuación na Coruña
Mercedes Peón, nunha actuación na Coruña Eduardo Pérez

A artista experimental é unha das protagonistas da Gala pola Igualdade do Conservatorio de Verín, que lle adicará un aula

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio Municipal de Verín acolle hoxe ás 19.15 horas a cuarta edición da Gala de Igualdade que organiza o conservatorio do municipio xunto cos membros da ANPA. Baixo o lema «Medrando en Igualdade coa música» convida a toda a comunidade da comarca a sumarse a unha velada musical única. Este ano contará con protagonistas coma Mercedes Peón, a quen se lle dedicará unha das aulas do Conservatorio Profesional de Verín en recoñecemento á súa destacada contribución ao mundo da música.

—Que supón para vostede este recoñecemento?

—Recíboo con moitísima ledicia. Este tipo de iniciativas parécenme moi importantes especialmente polos miúdos, para que sexan capaces de continuar coa memoria e de reivindicar a igualdade en todas as áreas. O que eu fago ten moita relación coas aldeas, con esa inquedanza de ser parte delas, así que estou moi contenta.

—Vostede leva catro décadas na música, como ve a actualidade da creación galega?

—Subinme aos escenarios cando tiña 13 anos e xa non me baixei. En Galicia acontece unha cousa e é que a nosa cadea de transmisión está rachada e iso ten que ver moitísimo con que desaparezan as aldeas, algo que ocorre por decisións xeopolíticas. Hai unha parte importantísima dentro da nosa música que son os grupos folklóricos, os que teñen a pegada hoxe en día. Aquí pasa unha cousa marabillosa e é que estamos perdendo a fala e ao mesmo tempo hai un rexurdir da nosa música tradicional baseada nas pandereteiras. Hai moitos grupos que se apoian nesto e que están sendo colocados en lugares de relevancia por como chaman a atención. Penso que temos un imaxinario común pero falta vangarda. Estamos facendo música nova e o que lle da peculiaridade son as nosas señoras das aldeas, coa súa memoria e a súa tradición.

—Como influíu na súa carreira ser muller?

—Penso que hoxe en día ser muller é unha decisión política. Efectivamente eu son muller porque así o decidín. Paréceme moi importante a cuestión de ser muller como xeneralidade, que é algo que ten que ver co xénero e coa forma de actuar. Pero hai que fuxir das xeneralidades. Eu posiciónome como muller e como galega porque o precisamos, porque nos tempos que vivimos o binarismo é radical e entón dentro deso prefiro estar na parte menos central.

—Na gala tratarás de contar aos presentes cal é a túa forma de crear.

—Imos amosar dous videoclips que son extremos. Nun fago unha investigación polirrítmica dende o coñecemento profundo da técnica da pandeireta, que foi un traballo electrónico. Noutro falarei tamén da miña relación coa danza, nun proxecto con Janet Novás, protagonista de «O Corno».