«Quen lea o libro coñecerá máis da historia de Valdeorras»

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

LOLITA VÁZQUEZ

David Daniel Vázquez presenta hoxe a súa nova novela, escrita a dúas mans co historiador Antonio Castro Voces

04 mar 2017 . Actualizado a las 11:52 h.

O terceiro piso do edificio multiusos do Concello do Barco será escenario esta tarde (19.30 horas) da presentación do novo libro de David Daniel Vázquez. Xunto a Antonio Castro Voces vén de publicar «Correxais. No berce da cultura cara a liberdade». O evento inclúe a actuación do cantautor de Anxo Rei.

-¿Como xurdiu a idea?

-Xurdiu un día nunha conversación practicamente sen importancia. Estaba mirando para Correxais desde o hotel La Calzada e díxenlle a Castro Voces «aí facíase unha boa noveliña», co que hai naquel convento, que está en ruínas. Se a iso engadimos que na época máis florecente do convento foi cando se produciu a invasión francesa, e xuntouse a tiranía do conde de Ribadavia e apareceu o abade de Ruíz de Padrón, que foi un dos impulsores das Cortes de Cádiz... E tiramos para diante.

-¿Como foi iso de escribir a dúas mans?

-Complementámonos bastante ben. Empezamos alá por febreiro e puxémonos como meta facer dous capítulos ao mes. E en setembro estaba rematado.

-¿É que se conta é real ou está novelado?

-É unha novela. A idea era facer unha novela e non en plan real con datos estatísticos, pero si cunha trama para que quen lea o libro coñecerá máis da historia de Valdeorras, para que a coñeza e saiban o que tiveron que pasar os nosos devanceiros nesa época.

-¿Como repartiron o traballo?

-A parte de feitos históricos foina facendo Antonio Castro Voces. Eu despois funlle dando un pouquiño de forma. El estaba acostumado a facer tratados e eu fun dándolle forma, e fómoslle metendo unha pequena trama par que enganchara un pouquiño ao lector.

-¿En que época está ambientada?

-A acción empeza en 1808, que foi cando chegaron os franceses a España. E despois desenvólvese todo no 1809, practicamente todo... aínda que cara o final adiantamos un pouco. Son personaxes e anécdotas reais, que tivemos que adecuar porque non estábamos alí, e para facelas un pouco máis amplas.

-Non intenta, pois, ser un libro histórico.

-Non. Respéctanse as datas e as cousas que ocorreron, pero algunhas foron narradas en plan un pouco máis libre, loxicamente.

-¿Quen edita o libro?

-Finisterre Edicións, que eu xa teño editado tres cousas máis con eles.

-¿É a primeira vez que escriben a dúo?

-Si, entre nós os dous si. Fixeramos antes un traballo en colaboración con máis persoas, que foi onde nos coñecementos, pero esta vez intentamos facelo entre os dous para non andar enleando á xente, porque á maior parte das persoas o tempo resúltalle escaso.

-Hoxe preséntano no Barco. ¿Haberá máis actos na comarca?

-Queremos facer unha presentación máis familiar en Vilamartín, para o 17 deste mes, xa falamos co alcalde. A de hoxe fana os do Instituto de Estudios Valdeorreses, pero como a acción discorre en Vilamartín -en Penouta, en Correxais, en Arcos, en Córgomo...- apetécenos facer unha alí.

-¿Coñécese dabondo a historia de Correxais?

-Téñense feito investigacións importantes. O IEV ten sacado moito material, non só de aí, senón de toda a comarca. Creo que somos uns privilexiados de ter contado co IEV, que ten desentrañado a historia de todas as épocas de Valdeorras. Son os verdadeiros traballadores da historia de Valdeorras.