Xosé Manuel Martínez Bouza: «Gústame escribir no galego que se fala nos pobos»

SINDO MARTÍNEZ XINZO / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

sindo martinez

O limián edita o seu primeiro libro en prosa tras 20 anos de carreira literaria e cultural

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manuel Martínez Bouza, máis coñecido na Limia como Manoel Fontemoura, é un home vinculado á cultura dende hai moitos anos. É natural da aldea de Fontemoura en Porqueira (1969). Colaborador na posta en escea da Festa do Esquecemento e alma máter do grupo teatral afeccionado Aneis de Xinzo, ten tras de si unha longa traxectoria como autor de poesías e ducias de pequenas pezas teatrais. Vén de presentar na vila limiá un libro de relatos curtos, Historias que estaban nun caixón no que toca diversos temas e interesa social vinculados a súa comarca.

-¿Por que decidiu escribir este libro nun galego moi enxebre?

-Gústame escribir no galego que se fala nos pobos, na lingua que falan os vellos e o que falo eu; pese a que poida ter incorreccións con respecto ao galego normativo. Se eu penso nun canastro escribo canistrel, xa que esa é a verba que coñezo dende sempre. É como falei toda a miña vida, e trato de transcribilo así no papel.

-Vostede xa leva unha longa traxectoria literaria...

-Este é o meu cuarto libro. Os dous primeiros datan dos anos 90 do pasado século, foron Poemas resgatados e Poemas de amor e loita. Despois editei un texto con varias pezas teatrais que forman parte das representación do grupo Aneis de Xinzo.

-¿Por que agora a prosa?

-Publicar poesía non é doado. É todo moi difícil se non es un autor coñecido, e se escribes poemas complícase máis. Este libro de relatos curtos tiven que autoeditalo, era a maneira de que puidera ver a luz, e saquei 300 exemplares. O libro pódese adquirir na librería Novel de Xinzo ou contactando directamente comigo. Máis adiante quixera presentar o texto noutras vilas da Limia ou da provincia.

-¿Como se estrutura o libro?

-É un volume que contén 15 relatos curtos, en total son unhas 100 páxinas. Abordo temas que me interesan como o maltrato ás mulleres, a soidade das persoas maiores, os problemas da emigración, que afectan a moitas persoas de esta comarca dende fai tempo… Trato cuestións sociais que nos atinxen a todos.

-¿Pensa continuar escribindo a medio e longo prazo?

-Son o autor de máis de 60 pequenas pezas teatrais que forman o repertorio do grupo teatral afeccionado Aneis de Xinzo de Limia dende fai moitos anos. Escribo de xeito constante. Agora penso continuar coa prosa e escribir tal vez un novo libro a curto prazo.