O Museo Galego do Entroido acollerá unha mostra permanente sobre Casares

s. martínez XINZO / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

MIGUEL VILLAR

A idea inicial da Fundación é que sexa inaugurada cara o mes de decembro

27 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Galego do Entroido desdobrarase para acoller na súa planta baixa un museo permanente dedicado á figura e a traxectoria de Carlos Casares. Esta mostra sobre o escritor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas abrirá cara ao mes de decembro.

Representantes do Concello de Xinzo de Limia e da Fundación Carlos Casares mantiveron unha primeira xuntanza para comezar a planificar este ambicioso proxecto cultural que se propón a moi longo prazo. O comisario da exposición de Casares e secretario da fundación, Gustavo Garrido, remarcou a importancia da iniciativa. «Estamos moi ledos de que Xinzo vaia acoller esta mostra permanente que permanecerá moitos anos no Museo do Entroido, co que se complementará dun xeito moi positivo», asegurou Garrido.

Garrido expuxo que a familia cederá temporalmente ao Concello de Xinzo unha grande parte do legado de Casares. «Hai documentación dabondo para ir renovando cada certo tempo esa mostra. Temos un total de 25 maletas cheas con todo tipo de documentación, fotografías, cartas, libros e premios que farán posible que se poida cambiar ese museo cada certo tempo con novos fondos documentais», segundo Garrido.

Atractivo para nenos

O comisario da mostra agradeceu a xenerosidade do Concello e a proposta da localización, suxerida polo alcalde, Antonio Pérez Rodríguez. «El propuxo esa localización e cremos que foi unha moi boa idea», remarcou.

O obxectivo esencial do museo é que poida ser didáctico e especialmente atractivo para os nenos. «Ese é un elemento fundamental para nós. Que sexa unha mostra que cale nos escolares e que sexan moitos os nenos os que acudan a vela nos próximos anos», sinalou. A data exacta de inauguración decidirase en breve, unha vez que conclúa a exposición itinerante sobre Casares que poderá ser vista en seis cidades e que continuará o seu periplo por outras vilas galegas ata finais do 2017.