«A danza en xeral é hoxe a irmán pobre das artes escénicas»

La Voz

PONTEVEDRA

MIGUEL VILLAR

O bailarín, director e coreógrafo trae a Pontevedra este sábado o espectáculo de música y danza «O poder do arcabuz»

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:45 h.

Quique Peón Cía representará mañá, sábado, ás 21 horas, no Pazo da Cultura, O poder do arcabuz, un espectáculo de música e danza de gran formato que recrea a historia da Revolta Irmandiña do século XV, combinando a tradición e a contemporaneidade. A posta en escena desta obra coincide coa conmemoración do Día Internacional da Danza, como recordou en termos reivindicativos o bailarín, director e coreógrafo Quique Peón.

-¿Como xorde esta obra?

-Eu quería falar do poder establecido en xeral, en todos os ámbitos. E por unha casualidade, saíndo dun espectáculo en Ourense vin nunha librería un libro exposto do medievalista Carlos Barros sobre Os Irmandiños. Lino e me dixen que tiña que falar de esa historia tan nosa. Así empecei a madurar unha obra que me levou dous anos de traballo moi duros e na que todo e de nova creación.

-¿Que van ver os espectadores sobre o escenario?

-E como unha metáfora sobre as inxustizas e o poder dos cartos. Hai que lembrar que en Galicia a finais do século XV houbo a maior revolta contra o poder establecido de toda Europa. Expulsaron a todos os nobres e estivo gobernada dous anos de forma asemblearia, pero os expulsados compraron exércitos nos que apareceu por primeira vez un arma de pólvora que foi o arcabuz.

-E conta a través da música e a danza.

-A danza e o baile tradicional son os elementos principais do espectáculo, extraídos para contar unha historia en clave contemporánea, para que o público a entenda. Combina música e danza tradicional e contemporánea

-¿Cantos artistas participan na obra?

-Son case cen artistas en escena: 35 bailaríns, 20 músicos na orquestra e 40 persoas no coro.

-Parece arriscada unha montaxe de tan grande formato

-Consñíguese con moita coordinación. Eu estou afeito a traballar con moita xente. Como director de Xacarandaina dende hai moitos anos me manexo ben nese formato.

-¿E complicado compatibilizar tradición e a contemporaneidade?

-É difícil, pero conséguese buscando a emoción nos movementos dos principios fundamentais da danza como medio de expresión.

-¿Para os espectadores vai ser fácil seguir a trama?

-Si, se coñecen a historia dos irmandiños. É unha obra para facer pensar, non para explicar.

-¿É para ir a vela en familia?

-Claro. Os nenos igual a entenden mellor que os adultos. Están máis abertos. Non xulgan, simplemente filtran.

-¿«O poder do arcabuz» vai saír fora de Galicia?

-Xa se presentou en todas as provincias, menos en Ourense, que iremos despois do verán. E a finais de ano a representaremos en Barcelona e esperamos que tamén en Madrid

-¿A Revolta Irmandiña ten paralelismo na actualidade?

-Penso que si. Os abuso dos nobres antes da Revolta foron terribles e hoxe temos os abusos dos recortes na sanidade, na educación, mentres os corruptos que están no poder non fan máis que roubar diñeiro.

-A obra presentase en Pontevedra no Día internacional da Danza. ¿Cal é a súa reivindicación nesta data?

-A danza hoxe en día é a irmán pobre das artes esçénicas porque os apoios institucionais a esta expresión artística son mínimos. Falo da danza en xeral e da galega. Está en perigo de extinción porque se non é pola iniciativa privada non iríamos a ningún sitio. Por tanto, penso que é unha data para reivindicar o noso baile popular, a nosa danza e a nosa creación.

-¿Non tivo apoio de ningún tipo para esta obra?

-Está feita por iniciativa privada, por Quique Peón Cía. Como comprenderá unha obra deste calibre costa un montón de diñeiro e o único apoio que tivo foi de Gadis. Tímido, pero o tivo, e hai que dicilo.