Grande Amore, Mercedes Peón ou Muerdo, na gala con Palestina

PONTEVEDRA

JOSE MARCOS LOPEZ ALVAREZ

Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado tamén actuarán este luns no Pazo da Cultura

19 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nada xustifica unha carnicería coma esta. Non hai ningún atentado, nin grupo terrorista, nada que xustifique o asasinato de 5.000 nenos e nenas (...). Por riba de como queiramos chamar a isto: masacre, exterminio, dereito a defensa... O que non podemos é quedar caladas. Temos a obriga de denuncialo e temos a obriga de facer todo o que estea nas nosas mans para parar isto e deter esta nova fase do xenocidio do pobo palestino executada polo estado de Israel». Con estas palabras, o edil de edil de Cultura no Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou, xunto co director de Culturactiva e membro de Pallasos en rebeldía, Iván Prado, a gala solidaria con Palestina Cultura contra a barbarie, que se desenvolverá, a partir das 20 horas, este luns no Pazo da Cultura.

Dende o Concello de Pontevedra precisaron que se trata dun evento de carácter solidario para recoller fondos que serán remitidos, a través de Pallasos en rebeldía, até Palestina, onde teñen redes locais de contacto e de traballo grazas aos traballos, festivais e actividades que durante anos realizaron na zona. Deste xeito, a entrada funcionará con billeteira inversa, polo que logo dos espectáculos os asistentes poderán achegar os cartos que consideren.

Programa

Durante a gala desenvolveranse distintas propostas artísticas coas actuacións de Muerdo, Mercedes Peón, Grande Amore, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e o propio Iván Prado. Neste punto, Demetrio Gómez salientou que cando Pallasos en rebeldía achegou até o Concello de Pontevedra a proposta da gala solidaria con Palestina «foi un orgullo». «Un acto coma este, que se celebre nas nosas instalacións, nos fai parte dun pobo que é quen de poñerse en pé diante dunha inxustiza que se está a producir», explicou.

Iván Prado, pola súa banda, agradeceu a dispoñibilidade e a colaboración do Concello. «É moi triste ser artistas, crer na forza da cultura e da arte, pensar que o pallaso pode loitar contra as inxustizas e descubrir que as nosas institucións a nivel europeo, estatal e autonómico non teñen esa necesidade ou fame de xustiza e humanidade». «O mundo segue mirando cara outro lado namentres esa potencia, que non é un estado, chamada Israel, practica un sistema de apartheid no século XXI, levantando un mundo de inxustiza», engadiu ao respecto.