Bernardo Atxaga, Ana Pontón e Leilía deixan a súa impronta en Pontevedra na Culturgal

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Kiko da Silva presentou a tradución ao galego de «Cando sopra o vento»

03 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Culturgal, a gran feira das culturas galegas, encara en Pontevedra a súa recta final despois de vivir este sábado outra gran xornada na que, entre outras actividades, Silvia Penide deu a coñecer o seu novo traballo discográfico, Mientras dura el aplauso.

Entre os nomes propios que pasaron polo recinto feiral, os de Suso de Toro, María Reimóndez e Ana Pontón, quen conversaron en arredor dos libros centrados na figura da portavoz nacional do BNG, Descubrindo Ana Pontón e A semente, a árbore, a froita. No eido literario, Bernardo Atxaga, quen estivo acompañado por Ramón Rozas, presentou a tradución ao galego de Exteriores del paraíso (Kalandraka), mentres que, baixo o título de Conversa Premios Xerais 2023, desenvolveuse un encontro no que participaron Pedro Feijoo (Ninguén contará a verdade), María Reimóndez (Furia) e Leticia Barbadillo (A botella de lentellas).

De igual modo, Silvia Penas, Rocío Viéitez Ferro, Martín Romero e María Villamarín mantiveron un encontro antes de firmar exemplares da súas obras no stand da libraría Paz.

A deste sábado foi unha xornada de benvidas e de adeuses. Por un lado, emitiuse en directo o primeiro episodio do podcast 13 Avisos. Historias para escoitar á noite. Ademais da súa directora, Paula Carballeira, estaba previsto que acudiran a Culturgal Rocío González Xosé Barato, Nuria Sanz, Chiqui Pereira, Nacho Sanz e Laura Méndez.

E no plano das despedidas, Pontevedra foi o escenario elixido por Leilía para poñer broche a más de tres décadas de carreira. Enmarcada dentro da xira Anque me vou non me vou, que conta co patrocinio da Xunta, o grupo tiña intención de mesturar algúns dos seus temas máis emblemáticos cos do seu último disco, Vidas cantadas, que veu a luz este mesmo 2023.

Música e ilustración

Os máis pequenos tiveron o seu protagonismo da man de Cé Orquesta Pantasma co seu espectáculo Animalada, no que foron invitados a xogar, cantar e bailar ao son de historias de animais.

E fusionando música e ilustración, A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock’n’roll, no que a ilustradora Laura Romero compartiu un adianto do libro centrado no 35 aniversario desta banda.

No plano das presentacións, Kiko da Silva avanzou a primeira tradución ao galego dun clásico da banda deseñada, Cando sopra o vento, de Raymond Briggs, que publicará a editorial Retranca.

E no que respecta á industria cultural galega, deuse a coñecer a primeira análise que se realiza en Galicia sobre todos os axentes que participan na cadea de valor da industria musica.

O xornalista Xesús Fraga e os directores Jaione Camborda e Álvaro Gago, na xornada de clausura

A xornada de clausura desta edición da Culturgal trae ao recinto feiral unha ampla representación dos distintos eidos da cultura galega. Así, ás 12 horas, o xornalista de La Voz de Galicia Xesús Fraga presentará Río Miño, unha viaxe entre solsticios que publica a editorial pontevedresa Kalandraka. Durante este acto está previsto que se exhiban imaxes das paisaxes referenciadas nesta obra.

A mesma hora, Óscar Martínez e Miguel Alonso ofrecen o concerto Minguante, así como se proxectará O Corno, que ven de gañar a Concha de Oro no Festival de San Sebastián. Ao seu termino, coloquio coa directora Jaione Camborda e Anna Palazón, a doula que asistiu na conceptualización do filme.

Xa pola tarde, A Xanela do Maxín desenvolverá, dende as 16 horas, o contacontos O Apalpador e as palabras perdidas, así como a Academia Galega de Teatro dará a coñecer os proxectos do Observatorio do Teatro Galego (OTG) e a Base de Datos do Teatro Galego (1936-1973). Ás 16.30 horas, María Lado manterá unha conversa no ascensor do Pazo da Cultura de Pontevedra sobre o tempo, a vida e a cultura co público, mentres que 18.30 horas proxectarase Matria, de Álvaro Gago.

A Culturgal 2023 clausurarase, a partires das 20 horas, cun fin de festa coa Orquestra Galega de Liberación.