A canteira da banda deseñada galega

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Alba Chan e Ene acaban de gañar o Premio O Garaxe Hermético, o que lles garante publicar «Idol» con Xerais

03 feb 2024 . Actualizado a las 16:02 h.

A escola pontevedresa de banda deseñada O Garaxe Hermético, que fundou e dirixe Kiko da Silva, está sendo toda unha canteira de artistas. Así, mentres que unha antiga alumna, Iria Aldegunde, ilustra a nova edición dun clásico da literatura galega como é Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, para a Editorial Galaxia, Alba Chan e Ene acaban de gañar a quinta edición do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético con Idol, un recoñecemento que lles garante a publicación desta obra por Xerais.

«Xusto despois de rematar o bacharelato tiña que estudar algunha carreira. A verdade que quería meterme en algo de debuxar, ilustración... pero non había alternativas que me interesasen moito ata que me enterei que había unha escola en Pontevedra e dixen: Pois, para adiante», sinala Alba Chan, quen chegou a valorar a posibilidade de facer os seus estudos na Coruña. «Estou supercontenta co Garaxe, os profesores son estupendos e aprendes un porrón de cousas», engade.

Ao seu carón, Nen chegou a empezar Belas Artes, pero, tal e como recoñece, frustrouse: «Eu son, dende sempre, de ilustración, de facer cómics, e non tiña nin idea de que había a posibilidade de estudar banda deseñada. Atopeino de casualidade, que mo dixo unha amiga unha tarde e, ao ano seguinte, xa estaba matriculada». No seu caso, ao rematar o bacharelato de artes en Burela, foron os seus mestres, «por descoñecemento de que existía algo como O Garaxe Hermético», os que lle convenceron de matricularse en Belas Artes: «Puxéronme a facer escultura e unhas cousas que eu dixen: ‘Perdoa, isto non’. Tiña claro que ía deixar a carreira, pero non sabía o que ía facer... Non sabía se irme a Madrid, a Barcelona... ata que me enterei de que había esta escola en Pontevedra».

CAPOTILLO

Diso fai xa tres anos, tempo no que ambas coinciden en que «foron moi intensos, unha experiencia, de moito curro» e nos que «aprendes moito». De igual modo, tamén teñen a mesma percepción de que o máis complexo é, en palabras de Alba Chan, «conseguir rematar as cousas. Hai unha primeira fase de ver o que estás facendo, de crer que non é o suficientemente bo, pero o complicado é chegar ao punto de conseguir terminar as cousas».

A este respecto, non dubidan de que, ao marxe «dunha alegría moi grande», recibir o premio de O Garaxe Hermético é «unha porta de entrada, un poñer o pé no mundo do cómic» polo que, segundo expresa Nen, esperan que «todo vaia cara adiante». «Tomaremos as cousas con máis ilusión a partir de agora», apunta.

Tanto esta última como Alba Chan, en certa maneira e sen terminar de crelo, asumen que forman parte da nova canteira da banda deseñada galega, unha realidade que afrontan con humildade e unha mestura de orgullo e responsabilidade. «A banda deseñada é a nosa ilusión. Que fixeramos isto e que poidamos meter pé a que outras persoas tamén se animen a meterse no mundillo é unha responsabilidade moi grande», apunta Nen, mentres que Alba destaca o feito de sentirse parte dunha «xeración de xóvenes autores».

CAPOTILLO

No caso desta última, nos seus comezos «tiraba moitísimo polo manga ata que me metín na cor, pois manga europeo», ao tempo que cita á chilena Paulina PC, Paulina Palacios, mentres que Ene apunta que, no seu caso concreto, a influencia pasa polo cómic americano pero tamén por determinados autores españois, europeos e estadounidenses, caso do norteamericano Jaime Hernández ou o italiano Gigi Cavenago.

Expectación polo futuro

En canto ao futuro, Alba considera que «o mundo do cómic, polo menos en Galicia, nótase que quere abrirse paso e hai que pelexar por isto. Non pensar que aquí non hai saída, senón que hai poñerse a elo». «Eu estou acollonada. As verdades como puños», replica Ene neste sentido. «Cando empezas nun mundo no que hai moita xente, no que hai moito movemento... Soa mal, pero hai moita competencia. Hai persoas moi boas facendo o teu mesmo traballo e, ao final, es ti, se gustas ou non gustas, pero xa non só no ámbito galego, senón tamén a nivel nacional», apunta, mentres que a coautora de Idol avoga por facer comunidade: «Galicia é a nosa casa polo que é bonito ser partícipe en Galicia dun movemento que espero que emerxa», resalta ao respecto.

En todo caso, Alba non deixa de recordar que «as dous estamos empezando aínda que xa intentamos movernos polo mundo editorial, fomos a Barcelona para falar con editoriais de alí, e a ver se hai sorte e hai quen ten gañas de publicar este cómic que sae en galego noutros idiomas. Temos falado con algunha editorial e a ver si cae...», conclúe.