«Quero levar ao espectador a sentirse como 'un detective que reabre un caso antigo'?»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto presentan a súa adaptación do clásico de Strindberg, «1888. Señorita Xulia»

13 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Interpretada por Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto chega ao auditorio de Afundación de Pontevedra (20.30 horas) a reintepretación dunha das principais obras de August Strindberg. Deste xeito, 1888. Señorita Xulia é «unha versión rompedora e sexy do clásico» A señorita Xulia, «un dos textos máis polémicos da historia», engadiron dende a promotora desta peza.

Dirixida para maiores de 13 anos, conta cunha notable dose de thriller psicolóxico e guiños ao cine negro, 1888. Señorita Xulia foi considerado pola Revista Godot como un dos mellores sete espectáculos da carteleira madrileña no 2022, ao tempo que «obtivo varias distinción nas mellores webs especializadas de teatro en Madrid, entre elas, o galardón a Espectáculo Máis Valorado pola plataforma Madrid es Teatro».

O punto de partida desta adaptación é a aparición do corpo sen vida da señorita Xulia na cociña da casa do seu pai, o Conde. Todo apunta a que se suicidou cunha navalla de afeitar propiedade de Xoán, criado predilecto da casa. Sen embargo, durante o interrogatorio, este último convértese en sospeitoso de asasinato ao desvelarse que el e a falecida compartiron bebida e confidencias, e que, incluso, chegaron a consumar un acto sexual consentido e incitado pola propia vítima.

Estes feitos ocorreron na noite de San Xoán» e o criado, única testemuña do acontecido, «non pode explicar porque ten as mans e a roupa totalmente cubertas de sangue».

Iria Ares codirixe esta adaptación na que é a cuarta colaboración con Xoán Carlos Mejuto, despois de O Xardín das Pernas Roubadas, 1879. Casa de Bonecas e Macbeth. O ruído e a furia, compartindo dirección e deseño de espectáculo.

Golpe enriba da mesa

«Dirixín este espectáculo e propuxen o seu deseño máis próximo ao cinematográfico, grazas a un encontro con Eduardo Momeñe, nunha sesión fotográfica. Falamos de moitas cousas, de fotografía, de teatro, de cine, de arte, de vida… E aproveitei unha recomendación que me suxeriu: ‘En arte, cando fagas algo, faino coa intención de dar un golpe enriba da mesa’. Desde ese día, busquei e rebusquei unha maneira de dar ese golpe coa nosa versión de A Señorita Xulia», sinala Ares.

Pola súa banda, Xoán Carlos Mejuto deixa claro que «Non queremos chegar a unha versión dos feitos, senón simplemente presentalos ante o espectador. Inevitablemente, a túa mente determinará a túa verdade. É imposible para ela deixar nada inconcluso, incompleto. E sen embargo, unha vez que etiquetas algo, mátalo para sempre. Serás capaz de resistir esa tentación? Nun século no que se presupón a maior liberdade de pensamento desde que o ser humano existe, a nosa búsqueda parece ser a menos sincera. Buscamos certezas, non verdades», engade.

Deste xeito, con 1888. Señorita Xulia o intérprete galego asegura que a súa intención é a de «levar ao espectador a sentirse como ‘un detective que reabre un caso antigo’. Quero compulsar con el unha teoría: Somos capaces de non emitir un xuízo sobre uns feitos que se nos presentan como verdade? Impórtanos realmente que a resolución dun caso de asasinato sexa xusta ou inxusta? Ou o que verdadeiramente necesitamos é que haxa unha única solución? Este texto de Strindberg parece resistirse a toda versión única, e é aí onde radica o seu interese para este dramaturgo, estes actores e esta compañía».

En canto a preparación da súa personaxe, precisa que «o máis lóxico é determinar aqueles puntos nos que o personaxe minte, aqueles nos que di a verdade... Pero nesta ocasión, non busquei determinar eses momentos, senón que agardei a que aparecesen para min e para cada espectador de maneira individual. Propúxenme quitar do suceso -a morte da Señorita Xulia-, esa barreira de seguridade».