Máis de 50 músicos participarán na homenaxe a Dany Moure: «Deixou pegada na cidade e na música»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

O festival desenvolverase dende as 18 horas no paseo de Rosalía de Castro, nas Palmeiras

25 abr 2024 . Actualizado a las 18:17 h.

«Hai persoas que deixan pegada nas cidades e hai persoas que, ademais, deixan pegada nos corazóns e na xente. Dany Moure era unha persoa que deixaba pegada nas cidades e, sobre todo, nas persoas». Con estas palabras, o edil de Cultura, Demetrio Gómez, aludiu este xoves á homenaxe que se lle tributará ao músico pontevedrés o vindeiro 4 de maio, data na que houbera cumprido 45 anos.

Impulsado pola asociación Nothing but the Blues, en colaboración co Concello de Pontevedra, está previsto que actúen de xeito altruísta máis de medio cento de músicos, todos eles vinculados dalgunha maneira coa escena local. «Era unha desas persoas que deixan pegada no corazón e da que un non se esquece», engadiu en referencia a un artista «que segue vivo en todos nós», engadiu ao respecto.

O festival desenvolverase dende as 18 horas no paseo de Rosalía de Castro, nas Palmeiras, para facer, «ata onde eu sei, o que máis lle gustaba a Dany, subirse a un escenario e tocar, e facer que o blues, o rocanrol estivesen sempre con todos nós. Foi unha persoa que nos fixo gozar desta música e en honra del este Concello está encantado de colaborar con Nothing but the Blues para que esta gran festa poida ser realizada todas as veces que faga falta».

LÓPEZ PENIDE

Acompañada por Marcos Rivas e Luis Otero, así como de Daniel Vigo, Katia Palmeiro, presidenta da asociación e parella de Dany, recolleu as verbas de Demetrio Gómez para reiterar que o finado «deixou pegada na cidade e na música». E, lembrando a efeméride do 4 de maio, remarcou: «Que mellor que xuntarnos para facerlle o mellor regalo posíbel que é subir, nada máis e nade menos, en torno a cincuenta músicos enriba dun escenario para levar a festa ao máis arriba posíbel, aos lados, cara diante, cara atrás, cara abaixo... do xeito máis explosivo que se poida».

Tras convidar á cidadanía a gozar desta celebración «aberta a todo o mundo», incidiu en que «non podemos esquecer que a Daniel seguramente lle houbera gustado, máis que ningún outro agasallo, o poder celebrar a vida cantando. Ese vai ser o noso regalo», apuntou precisando que este é o primeiro evento que se celebrará no seo da asociación.

LÓPEZ PENIDE

Daniel Vigo, en representación dos músicos que estarán nesta homenaxe, suliñou que é «un evento único que esperemos teña continuidade no tempo ano tras ano. Vai ser un festival de música no que se vai recuperar e vaise poñer en valor a cultura musical, a mellor cultura musical, que é a cultura musical dos anos 60, 70, que particularmente lle gustaba moito a Dany». «Creo que Dany deixou a implantación dos gusto polo rock, polo blues, pola boa música», apuntou antes de desvelar que os músicos interpretarán temas de distintos estilos musicais, así como cancións compostas polo propio Moure.

En paralelo, dende Nothing but the Blues lembraron que aínda é posíbel colaborar no crowdfunding que se lanzou para organizar o festival