Unha «chaladura de cabeza» de cinco homes feitos de ferro

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

POIO

MARTINA MISER

22 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cinco son de Cambados. O maior peitea as 45 primaveras, o máis novo, 33. Hai algo máis dun ano a súa afección polo deporte, serodia na maioría, levounos a coñecerse mellor no Clube de Atletismo Cambados (C.A.C.). As palabras deron paso a un grupo de whattsapp para acudir xuntos a algunha travesía a nado, e preparar a súa participación no primeiro Triatlón Popular Concello de Cambados. E case sen decatarse, coma nesas relacións que collen velocidade sen tempo de entender o porqué, Fernando Patricio, presidente do C.A.C., e Sergio Santos, David Aspérez, Carmelo Oubiña e José Manuel Lores, integrantes do C.C.T. Poio, atópanse a tres días de encarar o primeiro Ironman, o oitomil do triatlón, das súas curtas traxectorias ameteurs. Con 3.800 metros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e unha maratón (42,195 qms) de carreira a pé agardándoos nas Pontes o domingo.

José Manuel Lores (18 de Xullo de 1977) é o primeiro culpable dunha aventura que os cinco cambadeses din asaltar cun só e á vez tan complicado reto: atravesar a meta do único Ironman de Galicia, con 15,5 horas ata o peche do control. Traballador nunha empresa de instalación de ascensores, hai dous anos Lores comezou a competir en carreiras.

Populares, un par de mediamaratóns, e un pequeno fato de triatlóns bastáronlle para ter as cousas claras: «Eu xa tiña metido na cabeza facer algo que quedara aí, das cousas que se fan unha vez na vida». Por iso, en canto abríu o prazo para o Ironman Northwest Triman das Pontes, apuntouse de inmediato, e fíxollelo saber aos seus colegas por whattsapp. Emulárono ipso facto, entre o todos para un, e que as 350 prazas dispoñibles case voaran xa. Era outubro. Dous meses despois arrincaba unha ardua preparación semanal, de entre 12 e 25 horas de adestramentos repartidos entre seis días, en función da disponibilidade de tempo de xente que non vive disto.

Os dous fondistas

Fernando Patricio (5 de agosto de 1971) e David Aspérez (12 de xullo de 1979) son, alo menos sobre o papel, os mellor preparados psicoloxicamente para o que se lles vén enriba.