«Alí onde realizamos un encontro non quedan prazas hoteleiras libres»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

LÓPEZ PENIDE

O Encontro de Embarcacións Tradicionais, que este ano é en Combarro, foi cousa «de catro pioneiros ousados»

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que Manuel Sendón, presidente de Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, non estaba no primeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia hai vinte e tres anos, lembra que empezaron «catro asociación pequeniñas con media ducia de barcos que en Ribeira dixeron: ‘O noso patrimonio estase perdendo’. Foron catro pioneiros ousados. E de aí xurdiu o Encontro e a Federación. Alí naceu todo e foi medrando ata hoxe».

-¿Agora cantos son?

-Medio cento de asociacións, a maioría estamos en Culturmar e mantemos relacións internacionais e hai presenza do noso patrimonio en Escocia, Irlanda, Bretaña, Cataluña, País Vasco, Portugal… Temos unha flota tradicional digna dese nome. Non baixamos das trescentas embarcacións, incluídos barcos de río. No encontro de Poio, no pavillón do patrimonio, vai a haber unha mostra que trae o Ecomuseo de Arxeriz, da Ribeira Sacra, que é o único museo que existe sobre o patrimonio fluvial do país. Imos poder ver, entre outros elementos, unha exposición de embarcacións de río.

-¿Que implicará para Combarro (Poio) o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia?

-É un evento con algo máis de vinte anos, que foi madurecendo e medrando no tempo, e que foi creando unha estrutura programática ao longo do tempo. Temos, por un lado, o cerne que é a concentración de embarcacións, 150 máis ou menos, a maioría galegas e o programa de navegación que fan pola ría de Pontevedra. É unha estampa magnífica e é polo que se fai o encontro, que é exhibir o patrimonio flotante. O que pasa é que a inquedanza da federación é o patrimonio marítimo en todas as súas manifestacións e polo tanto en terra, nos espazos portuarios, hai unha chea de outras actividades e representacións da cultura marítima. Desde a literatura ata recitais musicopoéticos pasando por espectáculos, actuacións musicais, exposicións, obradoiros ao vivo de redeiras, de carpinteiros de ribeira, de cesteiros, dos canteiros de Poio…

-¿E o obxectivo?

-A preservación do patrimonio marítimo e fluvial. O patrimonio conservarase mellor se o usas e o uso achega impacto económico. Hai que conservar ese patrimonio e, polo tanto, precísanse as carpinterías de ribeira, a quen fai as velas, a quen aporta os distintos materiais que son precisos para navegar. Pero tamén hai uns efectos económicos de dinamización que este evento provoca na contorna onde se celebra.

-Din que a importancia do encontro evento observase no feito de que non quedan prazas hoteleiras libres no entorno da poboación onde se celebra…

-Habitualmente é así. Isto faise cada dous anos pola dificultade organizativa e o custe, pero xa hai uns milleiros de siareiros que veñen sempre e, por outra parte, o impacto é cada vez maior e, incluso, fora das nosas fronteiras. So a delegación vasca que vai vir serán case medio cento de persoas; de Portugal, unha chea de xente… Pero é que, ademais, isto cada vez atrae a máis xente. Hai unha rede europea na que estamos. Nós imos a eventos europeos, e eles veñen aos nosos. Pero é que a isto se suma que esta é unha zona moi poboada. Evidentemente é así, alí onde realizamos un evento deste tipo en toda a contorna non quedan prazas hoteleiras, pero é que tampouco dan abasto os restaurantes.

-Antes aludía a recuperación do patrimonio marítimo. ¿Como se afronta dende Culturmar?

-Entre outras cousas, coa recuperación de embarcacións. Moitas das que temos recuperado xa non existían e houbo que recorrer a memoria dos carpinteiros de ribeira para saber como eran. E fixémolas. Algunhas son réplicas.

«Temos unha flota tradicional digna dese nome. Non baixamos das

300 embarcacións»

«Recuperamos barcas que non existían e houbo que recorrer á memoria dos carpinteiros»

«Necesitamos unha maior implicación da sociedade civil e das empresas»

Combarro acollerá entre o vindeiro 29 de xuño e o 2 de xullo, a décimo terceira edición deste encontro, unha cita na que se conxugan todo tipo de actividades culturais vinculadas, en maior ou menor grado, coa cultura mariñeira. Neste punto, Manuel Sendón destaca o feito de que todo aquel que se achegue a vila turística de Poio terá oportunidade de coñecer como se sinte navegando nunha destas embarcacións.

-En calquera caso, ¿que bota en falta?

-Cando estas traballando, ter máis recursos, sobre todo en dous ámbitos. Un, o mediático, a publicidade. Falta un espallamento mediático. E o outro ven do feito de que, pese a dimensión internacional que ten o encontro, esta é absolutamente voluntaria. Nós invitamos aos inscritos a comer na carpa, pero non temos capacidade para nada máis. Cando imos a Bretaña, por poñer un exemplo, temos a hospedaxe e a alimentación pagadas, e dannos un diñeiro para a viaxe e o transporte dos barcos. Na última concentración veu unha representación de Croacia. Montaron o barco nun tráiler, descargárono no Adriático para atravesalo e chegar a Italia, onde o volveron montar nun tráiler e atravesaron os Alpes ao revés que Aníbal para chegar a Boiro… Pois durmiron todos nun cámping, nun bungalow. Foi o único que lle podemos ofrecer e o resto, todo, o pagaron eles. É un esforzo xigante.

-Aínda queda moito camiño por diante.

-En Brest a vez que menos visitantes houbo creo que foron setecentos mil. ¿Como consegues isto? De dúas maneiras: con máis apoio da Administración, aínda que non é esta a nosa queixa porque temos o apoio do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra; e coa implicación da sociedade civil e de empresas. Isto último é un camiño que temos que explorar, pero que chegará.