Final feliz da «chaladura de cabeza» dos catro triatletas de ferro do Poio

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

POIO

Cedida

David Aspérez, Carmelo Oubiña, José Lores e Sergio Santos, do Poio, e Fernand Patricio completaron o Ironman

27 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordaba o pasado mércores Carmelo Oubiña como de vez en cando, durante os seis meses longos nos que estiveron preparándose para o seu primeiro Ironman, lles dicía aos seus compañeiros de aventura que, tirando de estatísticas de abandono de anos precedentes, «de nós 2,5 non acabaremos» o Northwest Triman. O único tríatlon de longa distancia que se celebra en Galicia, cos seus 3.800 metros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e un maratón a pé, 42,195 quilómetros, como reto, e ao tempo espantallo. Mais contra a razón, tan testana coa xeralidade das cousas, os cinco colegas cambadeses que en outubro do ano pasado se inscribían na gran cita das Pontes foron quen de superar os seus momentos de fraqueza, e, alomenos unha vez na vida, probaron ser homes de ferro.

David Aspérez Dopazo, no posto 28 da xeral final, foi o mellor dos cinco, empregando na bestial empresa 10 horas, 30 minutos e 46 segundos. Pouco máis lle levou a José Manuel Lores Meis, que con 10.39.57 ocupou a praza 39. Sergio Santos Lois tamén conseguíu baixar das 11 horas, con 10.54.55 e o posto 58, mentres Carmelo Oubiña Durán remataba 150.º en 11.55.46 e Fernando Patricio Rey, o presidente do Club de Atletismo Cambados, era 215.º en 13.21.05.

«Rematamos os cinco. Foi un éxito. Non defraudamos o pobo de Cambados», dicía onte Rey da que o común dos mortais non pode senón considerar unha xesta. Tanto el coma os seus catro compañeiros, con licenza do C.C. Triatlón Poio, amósanse especialmente contentos xa non por ter rematado cada un deles, como polo final feliz dos cinco a esa «chaladura de cabeza» coa que Aspérez se refería a facer o Ironman.

«Do que estou máis contento é de que todos acabaramos. Iso foi a maior alegría. Cando nos cruzabamos animabámonos os uns aos outros. E no Club de Atletismo Cambados emocionáronse todos, empurrando desde a distancia», comentaba onte un José Manuel Lores que compartía cos seus compañeiros a dificultade para camiñar. Porque completar o Ironman requeríu de moita forza de vontade máis aló do medio ano de adestramentos. «Foi un día con demasiadas emocións. Ves a familia, ves os amigos apoiándote. Hai tempo para verte na crista da onda, e para verte afundido», lembra Lores. O segredo, «ir mantendo pensamentos positivos toda a carreira». O momento máis duro xurdíu no primeiro treito.

«No quilómetro 15 de carreira a pé o mundo se me veu enriba, din que no maratón hai un momento no que se che levanta unha barreira, e hai que pasalo», lembraba no día despois Sergio Santos. O benxamín do grupo conseguíu o seu propósito de completalo en entre 10,5 e 11 horas.