«Volver a Compostela sempre é especial»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

cedida

A compañía Chévere actúa en Santiago dous anos despois e representará a obra «Eroski Paraíso» dende o xoves ata o domingo

06 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 8, 9, 10 e 11 • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros (Posibles descontos) • Chévere volve a actuar en Santiago despois de dous anos e ofrecerá catro funcións do seu espectáculo Eroski Paraíso no Teatro Principal a partir do xoves. Dende o grupo teatral confían en que este regreso «supoña unha nova relación coa cidade que nos veu nacer como compañía, logo de que esta se deteriorase como consecuencia da persecución do goberno de Conde Roa». Ademais, no 2017 cúmprense trinta anos da súa creación en Santiago e queren «celebralo como se merece». Miguel de Lira, un dos piares da compañía dende os inicios, é un dos protagonistas desta última peza teatral, xunto a Patricia de Lorenzo e Cristina Iglesias.

-¿Que supón volver a actuar en Santiago despois de dous anos?

-En realidade nunca estivemos moi lonxe, pero simbolicamente si que toca o noso afecto. Chévere somos unha compañía que nacemos en Santiago e case toda a nosa traxectoria, incluída toda a fase que tivemos a sala Nasa, estivo pivotando nesta cidade. Polo tanto, aínda que a compañía sempre xirou por fóra e tivo transcendencia tamén noutros sitios -incluído o Premio Nacional de Teatro-, volver a Compostela, que é a cidade na que vivimos case todos nós, ten sempre un puntiño especial, dende logo.

-Representan «Eroski Paraíso», que mostra tamén un regreso ao punto de partida das personaxes.

-É a volta á casa, á orixe, que é un tema recorrente nas historias que se contan tanto no cine como no teatro e na literatura. Nós falamos de reencontro de personaxes, un encontro deses seres dunha familia desestruturada na nosa terra, en Galicia, onde temos esa relativa facilidade de coller a maleta. O que pasa é que tirar para fóra é máis fácil do que despois é volver; a volta é sempre máis complexa porque as cousas non son o que eran realmente. En Eroski Paraíso facemos unha representación do que eran aqueles tempos nos que os protagonistas iniciaron unha etapa de familia, o día no que se coñeceron en Paraíso, aquela sala de festas de Muros; e ese día, xa concibiron a súa filla, que é agora a que quere facer unha película sobre os pais, sobre aqueles tempos e o que significou o paso daquela sala de festas Paraíso ao que hoxe en día é un supermercado Eroski.

-Foi o primeiro espectáculo despois de lograr o Premio Nacional de Teatro. ¿Supuxo algún cambio á hora de afrontar a súa creación?

-O premio non nos condicionou na nosa liña de creación, non nos pesou iso de dicir: «Agora somos premios nacionais e temos que facer algo de carácter internacional, xa en inglés». (Ri). Xa tiñamos prevista esta liña de traballo, xa estaba na nosa carteira este proxecto de Eroski Paraíso, que mesmo empezou sendo unha idea para unha curtametraxe, pero acabou nunha obra de teatro. A transcendencia do Premio Nacional incluso nos dou un pouco de orientación para que lle botaramos o bisturí a este espectáculo, que aparentemente é máis pequeno, máis local, máis íntimo. Collemos o camiño contrario ao que se podía esperar de nós neste momento, e iso é Chévere en estado puro: facer sempre o contrario do que hai que facer.

-Non paran, despois de Santiago, irán a Pontevedra, O Carballiño, Madrid...

-Estivemos en León tamén, suavizando un pouco a versión orixinal, pero houbo moi boa reacción. O público de fóra cáptao porque os diferentes tipos de desarraigamentos que hai no espectáculo son máis universais do que a xente pode crer. O que contamos, como o contamos e o poñemos en escena ten moito interese fóra.

-No 2017 cumpren os 30 anos, ¿xa teñen pensado como celebralo?

-Estámolo ideando, pero aínda non está cerrado. Así que non conto máis que o feito de que celebraremos os 30 anos. Non o podemos deixar pasar desapercibido tanto por nós, como polo público que nos acompaña dende hai tantos anos e polo público novo que nos empeza a seguir agora. Temos xa algunha idea.

-¿Será en Santiago?

-Non só, intentaremos que non sexa só aquí. Os 30 anos teñen que ver co sitio onde nace, porque nós estamos ligados na orixe coa Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, que foi o xerme de Chévere, e para nós segue sendo unha arte e un oficio isto das artes escénicas. Entón, queremos poñer o acento en Compostela, pero non só na cidade, porque somos unha compañía galega con moito recorrido tanto aquí como fóra. Un ano non dá para tanto, pero a ver ata onde podemos chegar.