A mirada de Cimadevila


Nunha xélida mañá de xaneiro de 2007 un músico toca o violín nunha estación de metro de Whasington.

 

Ninguén o mira. Ninguén repara nel. Nos corenta e tres minutos que interpreta as partitas de Johann Sebastian Bach tan só sete persoas (dun total de 1097 pasaxeiros que pasan diante del) se deteñen a escoitalo. Cando remata a actuación faise o silencio; non hai aplausos, nin parabéns, nin recoñecementos. Ninguén o sabía pero ese violinista era Joshua Bell, un dos mellores músicos do mundo, acariñando o seu stradivarius (tasado en tres millóns e medio de dólares), e que tres días antes enchía o Boston Symphony Hall con localidades a máis de cen euros.

Esta noticia real -que á postre serviume de pretexto para facer unha adaptación teatral baixo o título de «O violinista»- foi un experimento do Whasington Post. E é que a beleza atópase no ollo de quen mira.

Mirar (ollar, sentir, lembrar, cavilar, ver, en soñar, crear). Mirar ao noso interior para tal vez así facer unha descuberta. Mirar aos ollos da xente. Mirar «ao outro» (ao xeito de Sartre) para comprendernos a nós mesmos. Mirar as cores, os músicos, as cidades, os soños, as bolboretas pero tamén os sentimentos, as emocións, os camiños, as estradas, o mar, o ceo.

Con total seguridade a mirada de Cimadevila repararía no músico do metro, como tivo reparado no saxofonista que tocaba na Staromestke Namesti de Praga, ou no violinista da Peregrina de Pontevedra, ou nunha posta de sol en calquera recuncho do uni(verso).

Velaí a grandeza da mirada de Cimadevila. Unha mirada (léase, unha obra) que dá sentido e sensibilidade ao realismo cotiá. Unha mirada (léase, unha pintura) sempre na procura da perfección, da beleza, da verdade. Unha mirada (léase, unha creación) onde -Olimpio Arca Caldas, dixit- a suave gradación da luz, a serea tonalidade da cor imprimen unha tenra frescura a todas as súas obras.

En definitiva, o realismo interior, a mirada de Ramiro Cimadevila -todo un galano para os sentidos-, fica moi viva nas catorce obras expostas na Sala da Asociación de Artistas Plásticos Galegos da Coruña.

Votación
0 votos
Etiquetas
Pontevedra ciudad
Comentarios