O de ano novo non nos serve. Por Iván Pérez

Iván Pérez

PONTEVEDRA CIUDAD

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron máis de nove meses dende os lumes que afectaron ás comunidade de montes de Pontevedra, concretamente ás de Ponte Sampaio e Salgueiral. Sen esquecer, por suposto, a superficie afectada privada ou comunal doutras contornas como Cotobade. Atendendo á valoración dos xestores, -falar de donos do monte é arrogante- das trece comunidades que conforman a mancomunidade de Pontevedra o de ano novo, borrón e conta nova non nos vale.

O problema dos lumes segue estando aí. Cando aínda temos as feridas sen cicatrizar, xa estamos pensando en que nos poida volver pasar o mesmo. Por moito que nos esforcemos durante todo o ano en tratar de manter o noso monte «limpo» ou traballado, a política forestal segue sendo a mesma e o estado dos montes segue igual. Dende a mancomunidade levamos demandando unha serie de actuacións por parte da Xunta, como o cumprimento dos obxectivos establecidos no Pladiga -plan de defensa contra incendios da Xunta-. Nel dise que se fomentará a colaboración de veciños e comunidades na loita contra o lume. Pero iso non se fai, porque o contacto entre uns e outros é cero. E non se cumpre o máis importante: fomentar a prevención fronte a extinción dos incendios.