¿A ópera do Burgo ou a caldeira de Pasarón?

Carlés ADESTRADOR

PONTEVEDRA CIUDAD

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sería inxusto facer unha análise do partido deixándonos levar polas sensacións e estado de ánimo dos últimos minutos, aínda que ben é certo que o acontecido neste tramo debe ser obxecto dunha profunda reflexión. Pero cada aspecto ao seu tempo. Agora convén facer outra reflexión sobre a que vou sustentar o meu punto de vista. ¿É posible que o Atlético Madrid de Simeone ou o Celta de Berizzo xoguen os partidos medindo, con paciencia, sen emocionarse, sen contaxiar? Non o creo ou, si o creo, o Celta xogouno unha vez na volta da Copa do Rei en Vitoria e así lle foi. Xogar e transmitir xogando.

Esta é a base para explicar o acontecido nos oitenta e cinco minutos de xogo, onde o equipo de Luisito parecía que xa xogara á mañá en Barreiro e amosaba unha disposición e predisposición sobre o campo que contaxiaba aos seareiros e daba a sensación que en vez de estar en Pasarón estabamos na Ópera do Burgo.

No aspecto táctico atopámonos de novo na montaña rusa de Pasarón. O equipo granate comezou cun 1-4-3-3 con Mouriño de falso nove co obxectivo de sacar aos centrais navarros de zona chegando a franxa de finalización coa mobilidade e velocidade de Álex González e Añón. Mediado o primeiro tempo, coa entrada de Mateu no lugar de Capi, pasouse a un 1-4-2-3-1 ocupando Jacobo Trigo a posición de central e Kevin como acompañante de Abel. No segundo tempo, coa entrada de Eneko, o equipo adoptou outra disposición, 1-4-2-1-3, cunha mobilidade absoluta de Añón por detrás do trío de puntas formado por Eneko, Mateu e Álex González.

Está claro que unha da funcións do adestrador é tentar trocar o discorrer do partido, pero o que tamén debe ser obxecto de estudo é que si aos trinta minutos facemos un troco de xogador e que si os dous medios ofensivos que saíron de cara, Kevin Presa e Jacobo Trigo, rematan xogando de centrais creo que isto é unha mostra bastante palpable que o plan trazado tiña pouco que ver co que despois aconteceu no campo.

Para rematar, cómpre incidir no que para moitos pode ser o máis importante, que o Pontevedra gañou, que lle deu a volta ao partido nos últimos cinco minutos e que ten a clasificación no peto. Pero dende a perspectiva dun adestrador, a análise debe ser máis profunda, e eu coido que neste tempo o Pontevedra amosou unha cara que é fiel reflexo do seu adestrador, os outros oitenta e cinco minutos non.

Como sinais de identidade, o equipo debe ter claro que a capacidade de medir e xogar co tempo, a paciencia, a temporización defensiva e ofensiva e o repregue deben trocar na presión, na anticipación, na interceptación, no atrevemento e condicionamento con balón. E así foi e será como a Ópera do Burgo trocou e trocará pola Caldeira de Pasarón, xa que a comuñón da grada co equipo neste tramo do partido foi impresionante e nesta situación os equipos contrarios vense completamente superados, porque manter unha boa organización baixo esta presión non é nada doado.