A case enxeñeira máis rápida de Galicia que escoita música «vella»

carmen garcía de burgos

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

A nova pontevedresa, de 16 anos, di que precisa alguén diante nos últimos metros de carreira como referente

26 jun 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

É tímida, pero non demasiado. O normal nunha rapaza de dezaseis anos que de cando en vez ten un compromiso público. E iso que a última vez que tivo que recoller un premio non o esperaba. Lucía Ferrer confesa que cando non ten alguén diante nos últimos metros de carreira perde velocidade. Iso é o que estivo a piques de pasarlle a pasada fin de semana, cando bateu un novo récord galego xuvenil nos cen metros valas. Aínda que semella que esta vitoria o que demostra é que non precisa ningún estímulo para ser a máis rápida, ela sostén que si, que comezou a proba a moi bo ritmo, pero que se lle fixo difícil rematala.

Lucía xa era a máis veloz da súa clase dende pequena. Agora recoñece que cada vez comparte máis cousas coas súas compañeiras de atletismo e que ve algo menos coas de Bacherelato. É coas deportistas coas que viaxa case sempre. As súas derradeiras semanas pasounas ou estudando ou competindo, por iso puido ver menos ás de clase. O ritmo de adestramento mantena correndo de catro a cinco días á semana -entre dúas e dúas horas e media por sesión- e os outros dous, fincando os cóbados, e algo de praia, que só lle quedou unha e xa a recuperou. Está cursando os estudos da rama tecnolóxica e, malia que non descarta tirar por Educación Física, está case convencida de que gozaría máis nunha enxeñería. As mates gústanlle especialmente, case tanto como odia a historia. «Xa non a teño este ano, pero para o que vén si, outra vez», di a modo de recordatorio case para si mesma. Pero agora está de vacacións e toca o que toca.

Sempre unha nova marca

A tempada de atletismo está no seu punto máis álxido e Lucía só quere mellorar a súa última marca. Foi o primeiro que lle dixo o seu adestrador e tío, da Sociedad Gimnástica Pontevedra, en canto soubo que viña de pulverizar a plusmarca autonómica anterior. «Díxome que se me atopei así de ben podo mellorar o tempo nesta vindeira fin de semana», lembra, dándolle a razón: «Sempre tes que intentar mellorar a túa marca», di a nova atleta.

Á pontevedresa o atletismo vénlle no sangue, e o deporte case de nacemento. Dous dos seus tíos son adestradores e dous curmáns, corredores, así que a cousa foi menos casual do que semella. Probou moitos deportes antes de chegar ao que a está a mesturar coas mellores de Galicia, pero todos a aburrían. Aínda así, cando empezou a correr non sabía que esta disciplina incluía valas, pero en canto o descubriu tivo claro que era o seu. «É máis entretido. Nas distancias lisas desconcéntrome mirando á meta, e coas valas vou fixándome en cada unha delas», explica, arroxando toneladas de lóxica a unha habilidade natural.

A música rock

Lucía goza tanto do que fai que lle custa enumerar outras afecións Gústalle a música, malia que nunca adestra con ela. Acostumada a distancias curtas e a percorrelas en silencio durante os adestramentos, os ritmos roqueiros que escoita na casa pouco poden axudala á hora de demostrar que é a máis rápida. Polo menos, de Galicia; e polo menos, dos cen metros vala. Enumera algún dos grupos que lle gustan como se fose ser difícil coñecelos: «The Offspring. Gústanme moito os grupos vellos», di. Herdounos, como era previsible, da súa irmá maior: «Deulle polo heavy unha temporada e a min non me disgustaba, pero si que me quedei con algúns grupos de rock». E agora pode compartilos tamén fóra da casa: “Ás miñas amigas non lles gustaba esta música a ningunha, pero este ano entrou xente nova no instituto e a algúns si que lles gustan estes grupos», explica. E, como todo, algo tan intanxible como as amizades vólvense razoables e perfectamente comprensibles cando unha rapaza de dezaseis anos fala sobre elo.