Pontevedra, unha fin de semana de banda deseñada

PONTEVEDRA CIUDAD

CONCELLO DE PONTEVEDRA

As primeiras xornadas BDra Gráfica acolleran presentacións, mesas redondas e charlas

06 mar 2023 . Actualizado a las 10:05 h.

«O 17 de marzo será a primeira vez no Estado español que se festexe o Día do Cómic. Escolleron ese día para conmemoralo en relación á revista TBO, a primeira revista deste xénero, que acabou dándolle nome ao tebeo». Con estas palabras, Kiko Da Silva anunciou a celebración, entre o 17 e o 19 de marzo, das primeiras Xornadas de Banda Deseñada de Pontevedra BDra Gráfica, nome que, segundo explicou o principal coordinador do evento, buscaron «que fora comiqueiro, pero que nos levara á nosa cidade e quixemos que fose no propio nome».

As actividades programadas desenvolveranse na sala superior del Teatro Principal e no Museo. Así, na xornada inaugural, está previsto desenvolver obradoiros de banda deseñada, o inicio das xornadas profesionais, nas que baixo o título de De profesión, autores de cómic, Ana Miralles, Miguelanxo Prado, José Ángel Ares, Anabel Colazo, Alicia Jaraba e o propio Kiko Da Silva abordarán «toda a problemática que ten traballar na nosa profesión». Ademais, programouse unha charla coa asistencia de Alicia Jaraba e Víctor Pinel acompañados polo seu editor Ricardo Esteban, así como se desenvolverán conversas no marco do Clube de lectura de cómic da libraría Paz.

O sábado continuarán as presentacións con Adrián Morgade e o seu Xinfu e «a Editorial Xerais e Miquits de Antenla editora e dúas autoras pontevedresas que van editar proximamente con este editorial pero non se pode desvelar», engadiron dende o Concello. O Principal tamén acollera, xa de tarde, novas charlas con José Ángel Ares e Anable Colazo e os seus editores de La Cúpola, así como de Antonio Altarriba autor de El arte de volar.

Na xornada de clausura terán protagonismo os Premios O Garaxe Hermético de Banda Deseñada da man de Xerais e con Anémona de Río, Miguel Rojo, Pablo Prado, Fonso Barreiro e Ánxel Carramal acompañados por Kiko Da Silva, que pechará estas primeiras xornadas cunha conversa con Miguelanxo Prado.

En paralelo a estas actividades, poderase gozar cunha serie de exposicións. Por unha banda, no Principal as centradas na Asociación Profesional de Editores Independientes de Cómic (PEIC) e nos Premios O Garxe Hermético e, por outra, no Museo as que levan por título As bolas máxicas, composta por 85 cels orixinais da serie Dragon Ball, e Ana Miralles. A sedución do Grafito con cen orixinais desta artista.

Habilitarase no Principal un espazo de venda de exemplares por parte das librarías Paz, Seijas e Nobel, así como para as diferentes editoriais como La Cúpula, Nuevo Nueve, Letra Blanka, Retranca... e Torrado Belas Artes para a venda de material de debuxo. «Que outras librarías como Nobel ou Seijas, especializada en literatura infantil, estean nun evento como este quere dicir que o mundo avanza e que agora en cada libraría hai unha pequena sección de BD. É preciso que a xente sinta como normal entrar nunha libraría e mercar unha novela ou unha BD», remarcou Cano Paz da libraría Paz.