«Cando cheguei á meta a sensación que tiven foi de liberarme»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O vilagarcián Martín Rey, desde o domingo o gañador máis novo da Volta a Galicia, considera a pifia de Samuel Fernández a quilómetro e medio da chegada un lance de carreira

19 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha equivocación garrafal do asturiano Samuel Fernández (Caja Rural-Alea) a quilómetro e medio da chegada de Pontevedra, seguindo as motos da Garda Civil no seu desvío previo ao treito final a meta, permitiulle o domingo a Martín Rey Vázquez (Vilagarcía de Arousa, 11 de marzo do 2003) atrapar a Fernández a uns 50 metros da liña final e conservar in extremis os 2 segundos de vantaxe que o converteron no gañador máis novo da Volta a Galicia de ciclismo. O arousán do Padronés Cortizo, que sumou a súa segunda vitoria no 2023 tras gañar en xuño a Volta ao Baixo Miño, antepón o duro traballo feito durante os catro días da rolda elite e sub 23 ao impacto do singular desenlace. A súa traxectoria nos últimos anos avalan que, lonxe de ser froito da oportunidade, a xeral da Volta a Galicia non é senón outro mérito na folla de servizos coa que Martín confía en dar o salto ao pelotón profesional máis a curto que a medio prazo.

—Vaia final de carreira! De película!

—Si, vaia loucura! De infarto! Ao final levas toda a Volta pelexando e ves que se che pode acabar escapando despois de todo o que pasou e fáiseche duro.

—Como o viviu vostede? Como se enterou da pifia de Samuel Fernández e que se lle pasou pola cabeza nese momento?

—Pois... Eu non me enterei do que lle pasou a Samuel ata despois da carreira. Foi un contratempo inxusto para el, igual que o contratempo que tiven eu o primeiro día. Pasou o que pasou.

—Ninguén o avisou en carreira do despiste do seu rival?

—Non, non, non. Foi todo en cuestión de segundos. El estaba uns cantos segundos por diante tras o descenso, viámolo por diante, xa nas rúas de Pontevedra, non en todo momento, ao mellor perdiámolo ao xirar nalgunha.

(Chegados a este punto, Martín Rey pide non abondar máis no asunto, comentando que se tratou dun lance de carreira e salientando a exquisita deportividade coa que Samuel Fernández asumiu o sucedido, ata o punto de que, di: «Antes de subir ao podio démonos un abrazo en respecto pola gran carreira que fixemos»).

—Que lle dixo o seu director deportivo, Marcos Serrano, ao reencontrarse na meta?

—Se che digo a verdade, non soemos dicirnos moito. Simplemente, deume os parabéns. Cando cheguei á meta todos os meus familiares estaban alí, abrazáronme e libereime de toda a tensión da Volta. Foi unha Volta moi dura, de montaña, de sufrir; todos os días había que dar el callo. Despois de tanta presión foi chegar a meta e desafogarme da presión de todos estes días. Foi a sensación que tiven, de liberarme. 

—O desenlace vén de pasar á historia da Volta a Galicia. Como, por méritos propios, o seu nome como o do gañador máis novo da carreira. Endulza o dato inda máis o éxito que vén de conseguir?

—Si. É un bo dato, que reafirma que estou facendo ben as cousas. Ao final é un dato que reforza que o estou facendo ben e que teño que seguir nesa liña para chegar ao profesionalismo.

—O primeiro dos seus obxectivos cando este ano regresou ao Padronés Cortizo era conseguir a primeira vitoria nunha carreira elite e sub 23 máis aló do seu título galego en ruta do ano pasado. Ao final non foi unha, senón dúas vitorias. Entraba nos seus plans ser o novo rei da Volta?

—Sen dúbida, esta é a máis importante. Creo que hai dous meses se me dis que vou gañar a Volta a Galicia custaríame crelo. Pero facendo ben as cousas, con traballo, os resultados chegan.

—E por riba, na edición dedicada ao seu paisano e único profesional na historia do ciclismo vilagarcián, Gustavo César Veloso. Que lle dixo cando lle entregou o trofeo de campión?

—Deume os parabéns polo traballo ben feito. Díxenlle que mellor homenaxe que que un vilagarcián lle puidera dedicar a Volta —a vitoria xeral— era imposible

—Unha das razóns que o devolveron ao Padronés foi o seu acordo co Burgos BH, un dos contados equipos UCI ProTeam de España. O convenio facilítalles aos corredores co potencial necesario do equipo galego o salto ao pelotón profesional. Dixéronlle algo ao respecto desde o club?

—De momento a verdade é que non. Esperaremos ao final da temporada. Non hai ningún contacto de momento, pero é o meu soño ser profesional.

—Luis Fernández Oliveira (2004), Enrique Salgueiro (2009), Samuel Blanco (2016) e Martín Lestido (2017) foron os galegos que o precederon no alto do podio da Volta a Galicia. Todos eles chegaron ao gran pelotón. Non será cousa de rachar a serie?

—Si. Si, si. A verdade é que si. Tamén os dous últimos gañadores da Volta a Galicia non galegos subiron a profesionais: Álex Martín e Fernando Tercero.

—E mentres, que? Que lle queda por diante neste final de ano?

—Pois pechar a temporada na Vuelta Hispana, con cinco etapas desde este sábado entre Andorra (Teruel) e El Espinar (Segovia) sen presión xa. E despois veremos que hai de cara ao ano que vén, pero sen expectativas de momento; non sei inda que farei. Se sigo na categoría —sub 23 e elite— será fixo no Padronés Cortizo, estou moi contento con eles. É o meu club. É a miña familia.

Homenaxe municipal a vindeira semana

O Concello de Vilagarcía de Arousa homenaxeará a vindeira semana a Martín Rey tras o seu triunfo na xeral da Volta a Galicia cunha recepción oficial no consistorio. Onte, o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, contactou con Rey para trasladarlle os parabéns do goberno local e «o orgullo que supón para toda Vilagarcía contar cun novo campión que, estando nos inicios da súa carreira, apunta ben alto».