Máis de 2.500 inscritos xa na San Silvestre de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CONCELLO DE PONTEVEDRA

28 dic 2023 . Actualizado a las 16:22 h.

A Gimnástica repartiu xa máis de 2.500 dorsais para a XL edición da San Silvestre de Pontevedra, que se presentou o mércores na praza da Peregrina. Iso si, agardan que «a cidadanía rompa coa tradición de ir recoller o seu no último momento, sobre todo porque, lembramos, o número de dorsais é limitado».

CONCELLO DE PONTEVEDRA

Entre outras cousas púxose o acento no carácter popular e lúdico da carreira, filosofía que plasmou Berto Fojo no cartel da proba, inspirado nas ilustracións sobre xogos de mesa de Alain Greé. Así, plasma un circuíto apto «para todos os públicos, sinxelo, con ese carácter familiar pero sen esquecer ese puntiño de competición» mesturando na ilustración elementos do tradicional xogo da Oca, do Nadal, personaxes correndo e de lugares emblemáticos que forman parte do percorrido.

Os tres primeiros corredores e os mellores disfraces terán premio nunha proba de pouco máis de 3 quilómetros que se desenvolven na súa totalidade polas rúas do casco antigo. O groso da participación son familias, clubs e entidades deportivas, que atopan neste evento a forma máis divertida e saudable de despedir o ano. Nesta edición ademais incluíse a obrigación de entregar un quilo de alimento non perecedoiro por dorsal.

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A carreira deste ano conta, ademais do Concello de Pontevedra, con colaboradores como Froiz, que proporcionará o chocolate que recibirán os corredores ó cruzar a liña de meta, ou A Devesa, «que acompañará cuns ricos croissants para repoñer forzas», pero tamén Coca Cola, que pon a auga, e Galmotor, Miler e Hotel Rías Bajas, que colaboran coa parte «na sombra» proporcionando o transporte ou os locais para a entrega de dorsais.

Durante a presentación incidiuse no carácter solidario da carreira. Este ano incluíuse no Regulamento da proba a obriga de aportar un quilo de alimento non perecedoiro por cada dorsal para colaborar co Banco de Alimentos.

A San Silvestre saíra da Ponte do Burgo ás 17 horas coa presenza da campioa do mundo de fútbol Tere Abelleira como madriña desta carreira.