O Salón do Libro programa máis de 300 actividades na «máxica edición» do seu 25 aniversario

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, na presentación da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, na presentación da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra CONCELLO DE PONTEVEDRA

O Pazo da Cultura acollerá o evento entre o 1 e o 17 de marzo

21 feb 2024 . Actualizado a las 17:11 h.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá do 1 ao 17 de marzo o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que chega aos 25 anos e que terá a maxia como eixo condutor.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentou este martes o programa: «Vai ser unha experiencia máxica e queriamos que así sexa no 25 aniversario do Salón. Botamos a casa pola fiestra e temos probablemente o programa máis intenso de todos estes anos: 17 días de actividades nos que vai haber 47 obradoiros, 38 contacontos, 21 espectáculos e concertos para todos os públicos e ademais cinema, Rodalibros, camiñadas, faladoiros, exposicións... ate practicamente 150 actividades diferentes para todo o público que se achegue ao Salón». E outras tantas para os 5.000 alumnos de 60 centros de ensino que pasarán polo Salón en horario de mañá.

O programa completo na súa versión dixital está dispoñible desde onte mesmo en www.salondolibro.gal. A inmensa maioría das actividades son de balde, pero algunhas precisan de reserva de praza «porque queremos que a experiencia sexa única, de luxo», explicou o concelleiro. Desas actividades que precisan reserva de praza, están xa dispoñibles as da primeira fin de semana; o martes 5 activaranse as da segunda fin de semana; e o martes 12, as da última. En canto as escasas citas de pago, o prezo máximo son 3 euros e pódense adquirir as entradas a través de ataquilla.com.

Gómez Xunqueira quixo destacar algúns dos espectáculos exclusivos que só se poderán gozar no Salón coma o de inauguración, 25 anos de maxia: faiado dos contos que foron ou poderán ser, dirixido por Manuel Albariñas que contará co Ballet de Galicia, o Coro do IES A Xunqueira I, Su Garrido Pombo, Magia en la Manga...; o acto de homenaxe aos centros escolares o sábado 9 de marzo conducido por Andrea Bayer e Xacobe Rodríguez; ou o de clausura, a cargo do Rock Lab coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra.