San Sibrán de Pontevedra

Víctor F. Freixanes
Víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

PONTEVEDRA CIUDAD

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En certo día do ano, o profesor Filgueira Valverde levaba os seus alumnos do instituto ao alto de Tomeza, nas abas dos montes da Fracha, a visitar a ermida e miradoiro de San Sibrán. En Pontevedra dicímolo así, San Sibrán, co seseo das rías. Iamos camiñando, subiamos dende a estación da Parda e chegabamos pouco antes de comer. Dende alí avistábase o mundo todo: a illa de Tambo, os altos do Castrove, a ría, a cidade do Lérez, o val de Figueirido... O primeiro luns despois da Pascua, xa adolescentes, subiamos tamén a San Sibrán, con música e empanadas (aqueles picús de plástico nos que o meu amigo César poñía discos dos Beatles!): cuadrillas de mozos e mozas coa alegría toda no corpo e a xente maior a compartir a merenda, deitados no chan. Era a primeira romaría do ano. E segue sendo.

Do profesor Filgueira lembro a explicación fascinante que nos deu ao chegar a aquela altura, dominando o mundo, como dixen. Un antigo castro, con máis de dous mil anos, aseñoraba o territorio, que nalgún momento foi sentinela das guerras medievais, aínda que pouco queda daqueles tempos. O que queda é a tradición do santo. Os paisanos sacaban en procesión a imaxe, unha imaxe cacasena, tal como eu a lembro, e logo daban nove voltas arredor da ermida guindando, de cada volta, unha pedra ao tellado. Para escorrentar o meigallo. Para botar fóra os diaños e a mala sorte da casa. Para poñerse a ben coas forzas escuras, pois, como di a sentencia popular, Deus é bo, pero o diaño non é malo.

Seica o culto a san Sibrán, Cibrán ou Cibrao, segundo as zonas de Galicia, é dos máis antigos entre nós, envolto nunha aura misteriosa dende o principio dos tempos, relacionado co mundo da maxia e os feitizos, que seica practicou na súa mocidade en Caldea, Chipre e Alexandría. A súa biografía remóntase ao século III, aínda que foi a partir do século XVI cando a devoción se fixo máis popular. Desa época é o Ciprianillo, o Libro dos tesouros, que moito éxito tivo entre a nosa xente, principalmente en Galicia e no norte de Portugal. O mundo está cheo de tesouros agochados, e o Ciprianillo dicía onde estaban e a arte para desencantalos, tal como relata Cunqueiro en Tesouros novos e vellos.

Segundo os estudos no Seminario de Onomástica da RAG, hai 20 entidades de poboación (Sibrán, Cibrán ou Cibrao) no nomenclátor de Galicia; 42 parroquias con este patrón e, no que levamos recollido no portal Galicia Nomeada, 115 microtopónimos. En total: 186 referencias dun santo que foi suprimido das contas do Vaticano en 1969 por existencia non probada, malia as moitas lendas e tradicións que temos rexistradas dende o principio dos tempos, repito: del e mais da súa compañeira santa Xustina. Segundo a Igrexa oficial, ningún dos dous existe. Pero a ver quen llelo conta aos romeiros e romeiras que soben cada ano aos altos de Tomeza.