Pontevedra entona o «Grândola, Vila Morena» no 50 aniversario da Revolución dos Caraveis

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Cientos de persoas cantan a icónica canción de Zeca Afonso ás portas do Teatro Principal

26 abr 2024 . Actualizado a las 20:33 h.

«Grândola, Vila Morena / Terra da fraternidade / O povo é quem mais ordena / Dentro de ti, ó cidade / Dentro de ti, ó cidade / O povo é quem mais ordena / Terra da fraternidade / Grândola, Vila Morena». O universal tema composto por Zeca Afonso, que se converteu nun dos símbolos da Revolución dos Caraveis de Portugal, volveu a ser entoado onte por centos de voces en Pontevedra, cidade que conmemorou o medio século do «movemento que nun só día puxo fin a ditadura fascista do Estado Novo no país veciño», destacaron dende o concello.

Deste xeito, e coa intervención da agrupación musical Mais Cantos liderada por Nelson Quinteiro, centos de persoas citáronse no Teatro Principal convocadas polo Ateneo de Pontevedra para cantar o Grândola, Vila Morena, canción que pasou á historia tras ser escollida polo Movemento das Forzas Armadas (MFA) para ser un dos sinais do comezo da Revolución dos Caraveis. E de novo, coa emoción metida no corpo, púidose gozar dun tema que fora prohibido polo réxime salazarista e que nas últimas décadas transcendeu o que é Portugal para instalarse no imaxinario colectivo: «Em cada esquina, um amigo / Em cada rosto, igualdade / Grândola, Vila Morena / Terra da fraternidade».

CAPOTILLO

En todo caso, os actos polo cincuenta aniversario da Revolución dos Caraveis, 50 anos dun soño. 25 de Abril, sempre, xa tiveran este xoves pola maña escrito o seu prólogo coa presentación no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra de Colectânea 2024 Sempre abril, traballo elaborado por 54 escritores e poetas de Portugal, Galicia, Asturias e Estremadura. E, de igual modo, terán continuidade o vindeiro martes, 30 de abril, cunha mesa redonda no Pazo de Mugartegui na que, baixo o título de Todos eles foron Capitáns, intervirán tres integrantes do Movemento das Forzas Armadas, os capitáns de navío Pedro Cunha Lauret e Carlos de Almada Contreiras, e o coronel Antonio Rosado dá Luz.