Uns 20.000 espectadores seguiron nas cunetas o Rali de Pontevedra

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SANXENXO

CAPOTILLO

A organización amosa a súa satisfacción polo éxito da edición

27 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A ninguén que se achegara os dous días da proba a calquera dos seus treitos a bo seguro lle estrañará a cifra de seguimento ofrecida onte desde a organizadora Escudería Congostra. Arredor de 20.000 persoas gozaron desde as cunetas de Sanxenxo, Meaño, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade do espectáculo ofrecido polos 135 pilotos e copilotos participantes na cuarta edición do Rali de Pontevedra. Unhas 7.000 no treito semiurbano de Sanxenxo o venres, e entre 12.000 e 14.000 o sábado, día central da carreira na que Víctor Senra ratificou a súa condición de gran dominador da especialidade en Galicia.

As cifras ofrécenas a secretaria do Rali de Pontevedra, Diana Rivas Salgueiro, e mais o responsable de seguridade da proba, Diego Besada González, que falan do dato como un dos principais motivos para amosar a súa gran satisfacción á hora de facer balance da segunda edición organizada pola Escudería Congostra, recollendo o legado que a mediados dos anos 80 deixara o xa desaparecido Miguel Álvarez.

Para el tiveron onte unha nova mostra de afecto, lembrando a súa figura, ao tempo que amosaban a súa ledicia pola resposta da xente da propia contorna da proba: «Estamos contentos coa participación e coa dos seareiros da zona. Houbo moito piloto local, que non fora ás probas anteriores do Campionato Galego pero si a esta», subliña Diana Rivas, desvelando un detalle do que a organización se sinte especialmente orgullosa: «Un par de participantes da zona compraron o coche para poder correr, a lo menos, este rali, o rali da casa».

A secretaria da carreira fai fincapé tamén no feito de térense atopado cun «montón de afeccionados seguindo o treito do venres a pesar do mal tempo; chovía moitísimo», o que dá conta do interese e do atractivo que esperta unha carreira apenas recén recuperada.

Nesta liña, o responsable de seguridade do Rali de Pontevedra, Diego Besada, manifestaba onte a súa satisfacción vendo que «un ano máis, volvemos ser a proba que máis pilotos tivo no Campionato Galego». Cando menos, no que vai de temporada, situándose deste xeito en disposición de poder repetir a marca que acabou ostentando ao termo da campaña do 2021 entre as carreiras da modalidade raíña do automobilismo autonómico.

Máis aló da cuestión cuantitativa, que estende ao feito de que «un ano máis enchemos as cunetas dos concellos polos que pasamos», Besada pon a atención na presenza de grandes especialistas coma Jorge Pérez e Paco Dorado no Rali de Pontevedra: «Que xente deste nivel, que non segue o Campionato Galego porque corre a Copa de España, participe no noso rali é porque lles gusta como traballamos». E iso, sen dúbida, é para «estar moi contentos», gábanse na Escudería Congostra.