«A veciñanza faille máis caso ao Facebook que aos bandos do alcalde»

xoán r. alvite MAZARICOS / CORRSPONSAL

BARBANZA

alvite

A xornalista é a responsable da imaxe que proxecta o Concello en Internet

05 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de 40.000 persoas seguen diariamente a actividade dos once concellos da zona nas distintas redes sociais. Delas, case 25.000 fano a través de Facebook, o foro virtual máis visitado na comarca. O progresivo e imparable aumento do número de cidadáns que escollen Internet para relacionarse coas Administracións está provocando que a maioría muden moitos dos seus procedementos habituais e destinen cada vez máis recursos a esta nova forma de interactuar coa veciñanza. Neste sentido, está gañando importancia a labor dos comunicadores sociais -tamén chamados community manager ou social media manager-, profesionais que teñen como unha súas principais ocupacións a de xestionar todo o relativo á información que se publica nos perfís abertos polos concellos nas redes sociais.

Sara Torreiro é unha destas profesionais. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago e especialista en comunicación social, é a responsable, dende hai dous meses, dos perfís en Facebook, Twitter e Instagram do Concello de Mazaricos, así como da súa páxina web. Lugares na rede que, en conxunto, aglutinan a preto de 4.000 seguidores, cantidade similar á poboación actual do municipio.

«En realidade son moitas máis, porque hai xente que non aparece como seguidora nosa, pero que, sen embargo, si accede aos nosos contidos dun xeito máis ou menos habitual. Por poñer un exemplo, as tres informacións que puxemos o día que se inaugurou o ximnasio superaron en conxunto as 11.000 persoas acadadas», comenta ao tempo que sinala que a maioría dos visitantes adoitan ser do municipio. «Evidentemente, son veciños de Mazaricos que queren coñecer o que facemos ou saber novidades que lles poidan afectar. Por experiencia diría que a veciñanza faille máis caso ao Facebook que aos bandos do alcalde ou que a cartelería tradicional», apunta Torreiro.

Os contidos

Documentos estes que, por outra parte, tamén se colgan nas redes sociais e mesmo no sitio web municipal, tal e como se fai coas bolsas de axudas ou con calquera noticia que se considere pode ser de interese para os veciños. «Dende unhas chaves que quedaron extraviadas nas oficinas municipais ata novas de xornais que afecten a sectores como o comercio ou a gandaría, pasando por lugares especialmente rechamantes ou, por suposto, fotos de todas as actividades que desenvolvemos», apunta Sara Torreiro, que sinala os álbumes fotográficos coma un dos contidos que máis seguimento adoita ter no Facebook mazaricán.

«Aínda que as fotos e os vídeos sexan o material máis visto polos usuarios, procuramos ter un pouco de todo. De feito, un dos nosos obxectivos como comunicadores sociais é precisamente o de crear estratexias comunicativas positivas a longo prazo», recoñece a xornalista, que considera que para crear sentimento de comunidade é básico que os perfís institucionais non só transmitan contido serio, senón tamén desenfadado e ameno. «Hai que ser quen de manter enganchados aos internautas e tentar conseguir que alguén que leva tempo sen entrar nas súas redes diga ‘vou ver que publicaron’, porque sabe que poden atopar cousas de interese e utilidade», explica.

Aínda que o seu traballo estea enfocado de xeito maioritario a coordinar a presenza de Mazaricos en Internet, Sara Torreiro tamén compatibiliza esta tarefa coa comunicación global do Concello. «Agora mesmo, as persoas que levan a comunicación dun concello deben facer o procedemento completo. É dicir, se hai un evento, primeiro enviamos unha nota para contarllo aos medios. Logo publicamos nas redes todo o que se conta dese evento e tamén creamos e difundimos contido propio en relación con iso», explica a profesional, ao tempo que recoñece que a fenda entre o dixital e o papel que sigue a existir no rural obriga a prestar especial atención á difusión por canles máis tradicionais.