Sete artistas para un espazo

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

Crónica | Inauguración de «Compostelarte» O Auditorio reúne e cataloga a artistas que naceron en Compostela ou vinculados vital e artisticamente á cidade

09 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Sete pintores e pintoras, sete artistas composteláns nados na cidade ou que fixeron dela o seu espazo de creación e de vida, expoñen xuntos no Auditorio de Galicia. Non é unha exposición casual. Raquel Blanco, Xurxo Martiño, Romero Masiá, Morquecho, Soledad Pite, Vicente Prego e Xosé Vivián están nesta mostra por mor dunha iniciativa, Compostelarte , que nace con vontade de continuidade. É a primeira de sucesivas entregas anuais ou bianuais nas que a Concellaría de Cultura prevé amosar e catalogar a obra dos creadores composteláns ou residentes en Compostela que teñen unha traxectoria artística. A selección dos artistas e o catálogo desta exposición realizouno Antía Otero coa colaboración de Antón Sobral, que tamén traballan do deseño dun deuvedé que terá como obxectivo divulgar e difundir o traballo destes artistas entre a xente máis nova. A exposición inaugurouse onte e pódese visitar ate o 2 de setembro. Que estes sete pintores e pintoras estean compartindo a sala de exposición Isaac Díaz Pardo do Auditorio non é nin moito menos casual nin aleatorio. Responde, como explicou a comisaria, Antía Otero, a uns criterios concretos, e fundamentalmente ao feito de que «son creadores que teñen unha obra viva, recente e que ten evolucionado ao longo das dúas últimas décadas». O punto de partida foi reunir a artistas nacidos nos anos 40 e os 50, e que empezaron a expoñer nos anos 80. E sobre todo que seguen traballando, ate o punto de que as seis ou sete obras pictóricas que presentan son producións recentes, que na montaxe se amosan diferenciadas en espazos propios. De estilos e visións plásticas distintas, o punto que os relaciona dalgún xeito e que nos seus cadros a liña entre a abstracción e a figuración é difusa. A obra pictórica destes sete artistas forma, en palabras da comisaria, «un abano de poéticas». O catálogo editado polo Auditorio de Galicia, que leva o número 1 no seu lombo, inclúe textos críticos de Xosé Lens e de Antía Otero sobre cada un dos creadores, ademais de imaxes das obras. Deste «sete magníficos» naceron en Compostela Masiá e Vivián, e moi preto dela, aínda que hai anos que son veciños de Santiago, Soledad Pite (Cacheiras-Teo) e Raquel Blanco (Touro). Martiño naceu en Vimianzo, Morquecho en Pontevedra e Vicente Prego na Coruña, pero tamén fixeron desta a súa cidade. Neste suma de individualidades caben as paisaxes recoñecibles, as visións interiores, relatos e miradas con propostas para o diálogo e a comunicación co espectador.