O impulso ao polígono como resorte para un futuro próspero

La Voz N. R. N. | MELIDE

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O debate | Os candidatos á alcaldía de Melide Os cabeza de lista do PP, BNG e PSOE coinciden na idea de que é preciso dotar de máis solo industrial ao municipio para avanzar no camiño cara ao progreso

12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A COTA FEMININA GAÑA ENTEIROS. De esquerda a dereita, Socorro Cea (BNG), Manuel Prado (PSOE) e a alcaldesa, Ánxeles Vázquez (PP), que se estrea como cabeza de lista nunhas municipais. ?s candidatos que se disputan a alcaldía de Melide polas tres principais forzas políticas da comunidade son conscientes de que o vindeiro mandato será decisivo para o desenvolvemento e crecemento do municipio, no que se impón a urxente necesidade de ampliar o polígono industrial e de aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Ánxeles Vázquez (PP), Socorro Cea (BNG) e Manuel Prado (PSOE) coinciden na idea de priorizar ambas actuacións, que defenderán, coas súas diferenzas, como principal cabalo de batalla na contenda electoral aberta ata o vindeiro día 27. Á marxe dos proxectos de futuro, este é o diagnóstico que realizan do concello que aspiran a gobernar durante os próximos catro anos. Ánxeles Vázquez. O PP estableceu as bases para un futuro aínda mellor, como a redacción do PXOM, a posta en marcha da residencia da terceira idade, a ampliación da escola infantil e a dotación de espazos recreativos e deportivos para os mozos. Melide tamén logrou un saneamento integral cunha inversión de 7 millóns de euros, que foi a maior de todos os tempos. Nas parroquias, os proxectos para instalar depuradoras estanse realizando onde hai terreos para ubicalas, porque hai zonas onde polas condicións orográficas é imposible. Ademais, aqueles lugares que quixeron traída de auga, e así o solicitaron no Concello, téñena. Socorro Cea. Despois de 16 anos de goberno do PP con maioría absoluta, Melide aínda non conseguíu ter as infraestruturas básicas que precisa calquera concello como son o saneamento, a auga da traída ou o subministro eléctrico axeitado no rural. Si é certo que se deu un paso importante en materia de saneamento na vila, pero Melide ten 26 parroquias máis que non contan con ese servizo. Ademais, 22 non dispoñen de auga da traída, e nas que existe foi porque foron os propios veciños e veciñas os que tiveron que pagala. Manuel Prado. É verdade que tivo unha boa actuación no tocante ao saneamento na vila, pero as zonas rurais están igual que hai vinte anos: carecen de servizos básicos, non teñen a concentración parcelaria rematada e as vías de comunicación son as mesmas. Polígono industrial Os tres candidatos coinciden en que existe unha demanda de solo industrial, pero discrepan acerca de cando xurdiu esta necesidade. A.?V. Hai ano e medio empezáronse a presentar solicitudes no Concello, e, neste momento, a demanda de solo triplica a superficie que se vai urbanizar na segunda fase. O correspondente proxecto aínda non foi entregado ao Concello, que se comprometeu a financiar a depuradora porque a Consellería de Vivenda se negou. S.?C. Están a piques de comezar as obras de urbanización da segunda fase, posible dende o cambio de goberno na Xunta. Hai máis de dez anos que se fala xa desta fase, pero os anteriores gobernos non fixeron nada para levala a cabo. Que non se intente enganar aos veciños dicindo que a consellería se nega a instalar unha depuradora porque é algo que xa lle correspondía ao Concello na primeira fase. M.?P. Son coñecedor da existencia de empresas interesadas en instalarse no polígono dende hai máis de dous anos, e non tiñan terreo. Foi un abandono total por parte do PP. O Concello tampouco foi capaz de solicitar a depuradora á Consellería de Medio Ambiente, que seguro que atendería a demanda. A.?V. Este polígono perténcelle a Xestur, polo que o Concello non é quen para obrigar que as parcelas baleiras revertan de novo ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, senón a Xunta. S.?C. Este problema non volverá ocorrer porque no novo convenio quedará reflectida a obriga para quen merque una parcela da segunda fase de solicitar licenza de obra no prazo dun ano, e de ter instalada a empresa no prazo de tres. Isto non o especificaron con claridade os presidentes de Xestur do anterior goberno. M.?P. Nin dende o Concello nin dende o organismo correspondente se fixo nada para que as parcelas sen edificar da primeira fase do polígono revestisen en Xestur.