«A cidade en xeral está ben dotada pero esixe mantemento»

r.m. / I.c. santiago / la voz< / span>

SANTIAGO

Cre que as cargas da USC polo seu carácter histórico deben contar no financiamento

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde capitalino considera que o debate aeroportuario en Galicia está «contaminado por unha visión localista» e coida que un escenario de coordinación require «unha visión xenerosa das circunstancias».

-¿O carácter internacional que asignou a Lavacolla o comité de rutas faille ceder nas conexións nacionais en beneficio de Alvedro e Peinador?

-É evidente que temos perdido conexións e pasaxeiros con Madrid como consecuencia da oferta de Alvedro, pero en tema de aeroportos quedo co feito de que a cota de mercado de Santiago é maior que hai dez anos e de que Lavacolla é o aeroporto central de Galicia e que se está consolidando como o de maiores enlaces internacionais. E podo asumir que unha política de coordinación orixine unha diminución nas conexións con Madrid a favor de Peinador e Alvedro pero, nese contexto, que eles asuman tamén que Lavacolla é o aeroporto con vocación internacional.

-¿Que diagnóstico fai da radiografía da cidade, sobre todo dende o punto de vista social?

-Aínda que teñamos deficiencias, en materia de infraestruturas, e con carácter xeral, Santiago é unha cidade ben dotada, pero é certo que temos que facer un esforzo no tema do mantemento, e no casco vello en concreto hai que reflexionar sobre o acceso de vehículos, polos pavimentos. Non somos estritos nos horarios nin no número dos que acceden.

-¿E socialmente?

-Socialmente o que me preocupa e esa parte dos veciños que están na rúa. Ese é un problema. O contacto que tiven na UMAD, no albergue, na Cociña Económica, fixo que tivera unha sensibilidade diferente. É distinto velo dende a rúa que dende o Concello, onde tes responsabilidades e ese é un tema que fai reflexionar tamén.

-O paro preocupa. ¿Que pode facer Raxoi para ampliar o tecido produtivo, aproveitar os polígonos e diversificar actividades?

-Dentro das medidas fiscais vai a bonificación do ICIO e o IAE, pero tamén hai proxectos concretos. Estamos incorporando como eventuais a receptores da Risga, temos accións no Urbana para revitalizar a zona norte. Nas nosas posibilidades aplicamos políticas para mellorar a situación.

-¿Parece que quixo celebrar os cen días co avance do plan fiscal?

-Ese plan é a primeira parte do compromiso de traballar e resolver os problemas da cidade. O principal obxectivo era ter o orzamento, e para iso facemos esa reflexión sobre a presión fiscal.

-Semella un guiño electoral.

-Non, pero logo de anos de axustes, de pedir aos cidadáns que aperten o cinto, se temos a posibilidade de non esgotar a nosa capacidade de ingresos é un bo momento para trasladar esa dispoñibilidade aos cidadáns.

-¿E vai haber sorpresas inversoras no orzamento ?

-Non creo que moitas, porque van na liña das demandas de veciños e colectivos, moitas coñecidas, como o tema de Patio de Madres, e teremos unha sensibilidade especial nas políticas sociais.

-¿Cre que a USC merece un trato máis favorable no financiamento por parte da Xunta?

-É un tema que non coñezo en profundidade, pero a USC expón que ten un montón de edificios cun valor patrimonial importante, por tanto, cargas diferentes ás outras universidades. Non sei se esa cuestión está sobre a mesa, pero é unha reflexión acertada.

-¿As estatísticas din que sobe a criminalidade e os xulgados son os máis colapsados de Galicia?

-Na estatística hai que valorar que Santiago ten moita poboación flotante, pero é un tema que preocupa, e o dos xulgados. Para o ano veremos polo menos de mudar a tendencia na diminución de axentes policiais.

cen días de goberno