«O humor, aínda que non o pareza, é unha cousa moi seria»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

BOIMORTO

CESAR QUIAN

Presenta nun encontro co público e lectores santiagueses o seu libro «Raros e curiosos»

28 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e humorista gráfico Carlos López (Boimorto, 1967), quen integra xunto a David Pintor a parella de humorismo gráfico Pinto & Chinto que diariamente esboza sorrisos nos lectores de La Voz, participa esta tarde nun encontro co público e lectores santiagueses presentando o seu libro «Raros e curiosos». A cita é ás 20 horas na Librería Pedreira.

-«Raros e curiosos» é a súa primeira obra de narrativa a título particular dirixida ao público adulto, ¿como xorde o proxecto editorial?

-De sempre me gustou escribir, para adultos e para nenos. Inclineime sempre un pouquiño pola literatura infantil, que me deu e me sigue dando moitas alegrías. É un universo que me gusta moito explorar e escribir historias bonitas para os nenos. Paralelamente, fun facendo estes pequenos textos nos que se transluce o denominador común de todo o que eu fago, que é o humor. Son relatos inequivocamente humorísticos, unhas glosas de pequenas figuras con personaxes disparatados. Son unhas crónicas ficticias pero teñen un corte xornalístico. En certo momento hai un pouso de crónica xornalística, seguindo a personaxes de diferente pelaxe. Hai dende escritores, a artistas de circo, músicos... un pouco sobre o mundo que me interesa divagar e divertirme escribindo estas crónicas ficticias humorísticas.

-Aludindo ao título da obra, ¿que foi o máis raro e curioso que lle sucedeu nesa outra faceta coma debuxante de viñetas de humor?

-No sentido de desagradable, ningunha. Tanto pola parte das persoas retratadas ou viñeteadas coma do público sempre tivemos moita satisfacción. Mesmo varios dos políticos retratados se dirixiron a nós con afecto e con respecto polo noso traballo a pesar de que procuramos dar toda a cera que se pode dende a obxectividade. É un traballo moi bonito e o humor, aínda que non o pareza, é unha cousa moi seria.