Ordes da vía libre a obras por 400.000 euros

A.P. ordes / la voz

SANTIAGO

28 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación municipal ordense celebrou onte a sesión plenaria correspondente ao mes de novembro, na que se procedeu á votación do Plan de Obras e Servizos, que determina as obras a realizar coa dotación de catrocentos mil euros dispoñibles. PP e BNG coincidiron en sinalar que moitas das obras propostas non son prioritarias.

Para Ramiro Recouso, voceiro do BNG, «o proxecto presentado é o típico plan electoralista de cara ao ano que vén», ao tempo que lamentou que en moitos casos prevaleza o feito de «ver máquinas traballar» que atender ás necesidades dos veciños. Neste senso, aseguraron botar en falta actuacións en materia de sumidoiros e abastecemento de augas. O alcalde, Manuel Regos, asegurou que «non vai haber simples asfaltados de eiras» e que o obxectivo é atender ao medio rural dentro das posibilidades que ofrecen os medios económicos dispoñibles. A votación saldouse con oito votos a favor e a abstención do resto da corporación.

No apartado de mocións, desde o PSOE propuxeron que o Concello financie total ou parcialmente o programa educativo Preescolar na casa, que se está a desenvolver por conta dos pais e nais nas parroquias de Vilamaior e Ardemil. A tenente alcalde, Silvia Marín, defendeu un programa que considera necesario para as familias do medio rural e manifestou o compromiso do goberno municipal de valorar que contía se pode destinar ao mesmo nos vindeiros orzamentos. Porén, desde o PP consideran prioritario destinar esas contías a incrementar as prazas das garderías para favorecer a conciliación.

Os socialistas pediron ao goberno municipal que garantice a supervivencia das explotacións gandeiras de cara á desaparición da cota láctea en 2015, con medidas como unha duración mínima dos contratos, o incremento da superficie útil das explotacións e prohibir as plantacións forestais en terreos susceptibles de uso agrario. Os nacionalistas rexeitaron a proposta e o PP defendeu a liberalización do sector.