Santiago, no corazón de García Lorca

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO

O poeta viaxou catro veces a Compostela

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Só se coñecen -e foron moi pouco divulgadas- dúas fotografías de Federico García Lorca en Santiago. Unha, de hai xusto cen anos, en outubro de 1916, cando un poeta adolescente chegaba por vez primeira á nosa cidade en viaxe de estudos. A outra, esta que rescatamos hoxe, quince anos despois daquela, nun verán do ano 1934 dun xa consagrado poeta durante a xira da súa célebre compañía teatral La Barraca. Retrátase cun sorriso nas escaleiras da Quintana, acompañado dos actores Arturo Sáenz de la Calzada e Ketty Aguado.

A carón desta imaxe traemos aquí un documento que cremos é inédito. A firma no Libro de Hóspedes do Hotel Compostela da actual praza de Galicia, onde Lorca recibiría unha memorable homenaxe polo 7 de maio de 1932. Segundo deixou escrito o seu íntimo amigo Carlos Martínez-Barbeito, García Lorca «sentado al piano, tocó, cantó, recitó, representó y rio y dio muestras de su deslumbradora personalidad como poeta y como mimo». E deixou a súa inconfundible sinatura no Libro de Firmas do hotel: «Federico García Lorca. 1932. Mayo». (Agradecemos a Isabel Ferreiro, directora do Hotel Compostela, ternos deixado sacarlle a foto ao manuscrito).

Foron catro as viaxes de García Lorca a Santiago e Galicia. Penetrou nel de tal xeito a cidade que, en Bos Aires, nunha entrevista (tamén pouco coñecida) para o xornal Correo de Galicia publicada en 1933 falaba así de Compostela: «Aún quedan voces, clavadas en las piedras milenarias, abrasadas por las caricias del sol, pulidas por el eterno ?sobo? del agua, de aquellos peregrinos enfermos del cuerpo y del alma que, en procura de la salud, inundaban las carreteras del mundo con sus llagas y sus pecados, para llegar a los pies del santo, varonil y milagroso».

«Chove en Santiago, meu doce amor», deixou escrito Lorca nun dos seus poemas galegos. En agosto, o día 19, fará 80 anos do asasinato dun poeta universal que levaba Santiago e Galicia no corazón.

editor@alvarellos.info