«Sabemos que hai que innovar na feira, pero o Concello non quere apoiarnos»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

<span lang= gl >Pedreira, satisfeito polo arranque da feira, destaca a venda de libros infantís e xuvenís.</span>
Pedreira, satisfeito polo arranque da feira, destaca a venda de libros infantís e xuvenís. Paco Rodríguez

A organización fai un balance positivo das vendas nos primeiros días da cita

03 may 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

«Cando entras nunha feira do libro é difícil saír sen comprar», afirma Antón Pedreira, vicepresidenta da Federación de Libreiros de Galicia, que organiza a cita de Santiago e que o pasado venres criticou a falta de apoio institucional para ela, ao quedarse sen axuda municipal. Pese a dificultades iniciais na organización que se uniron á crise, as perspectivas do sector para esta edición son boas, tendo en conta que en parte coincide coa Ascensión.

-¿Como foi o arranque de feira?

-Moi ben, sobre todo o domingo, foi impresionante porque pasou moita xente. Estamos moi contentos, ademais, porque louvan o novo deseño coa caseta en lugar da carpa.

-Entón, ¿insufla ánimos nun momento de crise?

-Si, insufla ánimos, pero a situación de crise segue estando aí e, por desgraza, aquí en Santiago estamos sufrindo a sangría do peche de librerías.

-Fala da boa acollida do cambio da carpa. Pero non todo son louvanzas, dende o goberno din que a feira precisa revisar o modelo...

-Para falar do sector primeiro hai que coñecelo. O problema das feiras non é de Santiago, é de toda España, onde o libro non está considerado un ben cultural, senón unha mercadoría. Dende que levamos na Federación xa sabiamos que tiñamos que tratar de innovar porque a baixa das casetas e de presenza ven dende o 2009; e isto non é en Santiago, tamén en A Coruña, Vigo, Ferrol, Ourense... Entón, nós facemos as nosas propostas e nos concellos, sobre todo nas capitais, temos o apoio para tratar de que ese mal diminúa, pero no de Santiago non queren prestar ese apoio. Nós estamos dispostos ao diálogo, estiven falando con Duarte (tenente alcalde) o sábado e foi un diálogo moi fluído, o cal me alegra e máis me alegraría que el fora o concelleiro de Cultura, porque creo que no diálogo ten que estar baseada toda a acción tanto nosa como do goberno.

-Entón, ¿quedaron de manter algún encontro co goberno?

-Depende deles. Nós estamos sempre predispostos para todo, pero sempre baseado no diálogo e na mutua confianza.

-¿Agardaban ter esta falta de apoio institucional á que aludiu?

-Con tempo e forma, en decembro, tivemos reunións coa concelleira [de Cultura] e remítennos ás axudas de concorrencia competitiva. Isto é inxusto no mundo da cultura e do libro. Eles entran nunha contradición porque, se recoñecen que o sector está mal, o que teñen é que axudarnos para que vaia para adiante; pero non quero entrar en máis polémica, porque o diálogo con Duarte foi bo e, cando queiran, falamos. Tamén me gustaría que cando falan de proxectos digan cales teñen eles...

-Non lle propuxeron ningún...

-Non e a min tamén me gustaría coñecer o seu proxecto.

-Antes aludía ao peche de librarías que sofre Santiago, ¿está acusando de xeito especial a crise? ¿Cales son as perspectivas?

-Están pechando en todo o país, non é Santiago. Fai uns meses fíxoo unha das máis importantes, a Cervantes de Salamanca.

-E despois de tanto falar da crise que sofren as librerías, se pecha os ollos, ¿a que ano lle gustaría que volvese o sector?

-A principios do século XXI ou finais do XX: foron os mellores anos, con moita actividade. Pero despois foi caendo porque, como dixen antes, mentres o libro non sexa un ben cultural e sexa tratado como unha mercadoría, non hai nada que facer. Hai que mirar para Alemaña e Francia.

Actos da feira. Hoxe actuará o contacontos Jaime Fernández (17.30 horas); e haberá taller infantil (18.30 horas) e a presentación dos libros de Margarita Ledo (19.30 horas) e Carmen Blanco (20.30 horas).

O máis vendido. Os libros de literatura infantil e xuvenil e as novidades.