«Feijoo percibíame como unha ameaza política, pero xa lle dixen que só teño interese en Santiago»

j. c. santiago / la voz

SANTIAGO

22 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Saber como afronta unha persoa o xornal di moito do que ten entre mans. E na súa cabeza.

-¿Por onde empeza a ler La Voz de Galicia?

-O primeiro que abro no teléfono as 7.15 é a edición de Santiago de La Voz. Despois, antes de chegar a Raxoi, paro a almorzar no casco histórico e leo o periódico de papel.

-¿Interésalle a sección de política de Galicia?

-(Sorrí e entende o xogo). Claro, son consciente de que os gobernos locais de Santiago, A Coruña e Ferrol están vencellados a un proceso político que pode disputarlle a Xunta ao PP, e que pode abrir unha nova etapa no Goberno central, logo si que estou conectado. Ademais síntome moi interpelado mediaticamente e a diario teño que responder preguntas que non teñen nada que ver co Concello.

-Do seu traballo diario, ¿canto dedica a Compostela Aberta e ás Mareas?

-Estou centrado no Concello ao 90 %. As miñas enerxías están coa problemática da cidade, pero son consciente da carga simbólica que temos noutros procesos e trato de axudar porque determinados cambios tamén poden favorecer ás cidades.

-A relación con Feijoo... cando se di que é cordial, mal asunto.

-Nestes meses tiña a sensación de que Feijoo percibíame como unha ameaza política, pero xa lle dixen persoalmente que o meu interese neste mandato acaba en Santiago.

-Pero a tensión persiste.

-Non, nos actos conxuntos non existe e non poden ter queixa. E na práctica, na última xuntanza co presidente vin esforzos por impulsar cuestións de Santiago, como a xestión do aeroporto ou a relación coas consellerías, aínda que teñamos diferenzas con Medio Ambiente pola intermodal.

-¿Cando fala en clave política autonómica ou estatal pensa nos votantes de Compostela?

-Non, porque eu separo obsesivamente o institucional do político e nunca ocultei as miñas conviccións. Son un alcalde republicano, galego de nación e de esquerdas.

-¿E cando o meten no saco da esquerda radical ou o sitúan na órbita do independentismo?

-Non son independentista. Defínome como soberanista, quero que o pobo galego decida o seu futuro, e o que decida ben estará. Son moi transparente con estas cuestións. E incluínte.

-Da súa relación coa Igrexa nin falamos, do boa que é.

-Teño unha excelente relación co arcebispo e co deán, e ata o papa Francisco concorda agora na división do civil e do relixioso. Aí está o bo traballo de Cáritas ou da Cociña Económica, que hai que recoñecer. Non me doen prendas.