Os primeiros galegos... en foto

Quique Alvarellos

SANTIAGO

Andrés Cisneros é o autor da imaxe de 1858

03 jul 2016 . Actualizado a las 12:17 h.

Dez varóns tocados con chistera e todos moi postos. Velaquí os primeiros santiagueses retratados en público; son, tamén, os primeiros galegos fotografados en exteriores de toda a nosa historia. Están así de elegantes pois andan a promocionar os seus produtos na Exposición Regional Agrícola e Industrial de Santiago que se celebraba por aqueles días de verán do 1858 no claustro do (desamortizado) San Martiño Pinario. Promovida pola Real Sociedad Económica de Amigos del País (entidade que hai poucos días, por certo, entregou os seus fondos documentais á Cidade da Cultura), esta foi a primeira Expo galega de todos os tempos e dela conservamos outras tres imaxes máis.

O autor da fotografía é Andrés Marcelino Cisneros Pereiro, natural do barrio do Sar, e do que xa temos falado aquí noutras ocasións. É o grande pioneiro da fotografía galega e un dos homes clave no nacemento desta nova arte en toda España. Malia que pouco se sabe del, ata agora, e pouco tamén se ten reivindicado. Outra materia pendente de dignificación do noso.

E falando de dignificación: poucas cidades de Europa poden presumir de contar cunha serie fotográfica nesa altura de 1858. Santiago posúe preto de vinte imaxes daquel verán (comezos de setembro) no que nos visitou a raíña Isabel II. A monarca viña sen o seu fotógrafo habitual (Charles Clifford) polo que botaron man de quen xa tiña na cidade estudo fotográfico, Andrés Cisneros, pintor e retratista que traballaba na Rúa Nova coa moderna técnica do Talbotipo. Cisneros era un moderno, moi moderno. Esta foto, con xente, non era nada habitual. Todas as imaxes adoitaban ser inertes, de monumentos ou paisaxes. Esta vai máis alá. Fixémonos que todos están, ou ben apoiados en algo fixo ou respondendo á demanda de Cisneros, quen lles diría algo así como: “Non vos movades ata que avise”, pois podía levar ben un minuto facer a imaxe.

A realidade é que a cidade de Santiago engaiolou dende o primeiro intre a atención de debuxantes e, posteriormente, dos novos fotógrafos. O Romanticismo que se estendía por Europa no abrente daquel século XIX descubrira na paisaxe un estado da alma, ou sexa, do ánimo, do espírito. E había que retratalo. A forza da pedra e da tradición que aquí emerxía abraiaba aos artistas. Ata de Londres enviaron axiña, en 1866, ao gran Charles Thurston Thomson para captar en imaxes o misterio do Pórtico da Gloria. De Thomson falaremos outro domingo. Quedémonos hoxe con estes primeiros galegos... en foto.