Os cursos «Galego sen fronteiras» reuniron a estudantes de tres continentes

sara p. seijo, s. l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Raquel Cacabelos

Un total de 67 alumnos conviviron en Santiago durante tres semanas para afondar na lingua e cultura galegas

24 jul 2016 . Actualizado a las 01:45 h.

«Como unha embaixada da cultura e lingua galegas en distintas partes do planeta». Así se referiu Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, aos 63 alumnos que onte remataron os seus cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, que este ano celebrou a súa vixésima novena edición.

Durante as pasadas tres semanas, estudantes procedentes de distintas partes de España e doutros 17 países de Europa, Asia e América participaron en diferentes actividades de inmersión na lingua e cultura de Galicia. «É unha ocasión para o diálogo intercultural, onde o territorio é o escenario intermediario para que persoas de distintas nacionalidades falen e se coñezan en galego», confesou Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega (RAG).

O obxectivo destes cursos, que o vindeiro ano alcanzará a súa trixésima edición, é dobre. Por unha banda, que persoas con interese na lingua e cultura galegas as coñezan «nas súas dimensións máis variadas», explicou Henrique Monteagudo. Pero, por outra, que tamén saiban das súas problemáticas no senso da normalización lingüística. Neste sentido, o secretario da RAG referiuse aos case setenta alumnos coma «un exemplo para o país», no que a súa labor é a de contribuír a amosarlle á sociedade «que hai que ter unha relación máis normal, menos acomplexada, coa súa lingua», continuou.

Os cursos de Galego sen fronteiras estiveron compostos por clases teóricas e prácticas para aprender a falar a lingua galega e afondar na cultura da mesma. Mais tamén houbo ocasión para o lecer e o entretemento. Durante a súa estadía en Santiago, os alumnos visitaron distintos puntos de interese cultural e natural, coma o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro ou mesmo a dedicada a Otero Pedrayo, entre outros destinos.

Para somerxerse máis no eido da cultura, a programación dos cursos contemplou a inclusión de obradoiros de música e baile galego a cargo da Central Folque, así como tamén a asistencia a diversos espectáculos. Entre eles atopáronse un recital de novas voces poéticas conducido por Gonzalo Hermo e a actuación do dúo poético-cómico Aldaolado.

Fóra do horario propiamente das clases, tamén se ofreceron conferencias de interese sobre Galicia. Á palestra subíronse personaxes coma a cantautora María Xosé Silvar Ses; a directora do Centro de Estudos Galegos en Varsovia, Maria Boguszewicz; a escritora e xornalista María Solar; ou mesmo o autor e director de teatro Cándido Pazó.

TESTEMUÑOS

 Danilo Valadão ten 28 anos e vive en Salvador de Bahía, un lugar que, di, «ten semellanzas coa cultura galega». Entre os parecidos está «a forma de preparar o cocido e de tocar a pandeireta», confesa. Ademais, «formo parte dun grupo de música tradicional galega», revela.

Cando un profesor da USC lle regalou Follas novas, a vida de Kumar Singh cambiou. Dende entón «traduzo a Rosalía ao hindi para achegar o seu mundo á India», di o alumno de 33 anos de Nova Delhi. «Xa traducín Negra sombra e Adeus ríos, adeus fontes», conta.

«Intereseime polo galego ao ler un fragmento de A lingua das Bolboretas», conta Zuzanna Gelner, estudante de 23 anos de tradución en Varsovia. «Hai tres anos viaxei a Galicia e decateime de que é moi distinta ao resto de España», expresa a alumna polaca.

«O ano pasado quería viaxar por España e buscando como vir a Galicia souben do curso», explica Jacob Rogers, estudante de literatura de 22 anos. «Encántame Xosé Carlos Caneiro, porque xoga ca literatura e escribe de Galicia de maneira moi experimental», expresa.