«Eu penso xubilarme laboralmente pero non vou facelo politicamente»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Goza dun descanso, pero xa o advirte: «Agora estou en excelente forma e debo estar dispoñible e tamén disposto»

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cesou como deputado no Parlamento de Galicia o 21 de outubro e o 31 de xaneiro cumpre 63 anos e xa pode retirarse. Pero advirte: «Penso xubilarme laboralmente, pero non vou facelo politicamente». Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954), exalcalde de Santiago e exdeputado, dedícase agora a recorrer as rúas de Compostela e a camiñar ata o Pedroso, pero semella que non é máis que un paréntese na súa vida. De feito, mentres conversa, vai sendo informado puntualmente por wasap de todo o que pasa no Concello; e o xoves a novidade era a investigación aberta ao edil Jorge Duarte.

-Di que está gozando das vacacións que non tivo nunca. ¿Pensa que agora os políticos non se comprometen tanto nin coa intensidade dos de antes?

-Cando sendo alcalde fun a Stuttgart (Alemaña) para recoller dous camións que nos regalaron, era venres, e quixemos quedar co alcalde ao día seguinte e el nos dixo que non, que marchaba e non volvía ata o luns. Chamoume a atención, pero os políticos agora fan o mesmo. Eu traballaba de nove da mañá ás dez da noite, e collía unha fin de semana ao mes, nunca máis de dúas.

-Pensaba que se xubilaría como deputado pero vostede mesmo descartouse das listas de Xoaquín Fernández Leiceaga.

-Porque o Partido Socialista está nunha situación moi complicada e para min que se cometeron dos erros de vulto; que logo das primarias non se pecharon as feridas para ir como un partido único, e eu penso que en dous frontes á vez non se pode gañar. E o de laminar a todos os veteranos das listas tampouco me pareceu ben; cando a idade media dos votantes é de 54 anos non podes quitar a todos os referentes do partido, iso ten un custe tendo en conta que a base electoral do PSOE está entre eses electores.

-¿Cre que os resultados electorais déronlle a razón?

-Pagouse por partida dobre, non se pecharon as feridas e para o novo grupo parlamentario vai ser moi difícil que se convertan en referente social, é un proceso que leva tempo e agora hai outro partido con máis votos que o socialista.

-¿Culpa diso á xestora galega?

-A xestora ten moitos problemas, ten que recompoñer a unidade interna e recompoñer o discurso, as referencias do que significa ser socialista; a igualdade, os servizos públicos, o pleno emprego... E os socialistas somos galeguistas pero non somos nacionalistas, e non somos de conflitos sociais, somos de transformar a sociedade dende as institucións. ¿Onde imos co 17 % do apoio? Temos que acadar como mínimo o 35 % ou o 40 %, e para iso hai que contar con moita xente. En Galicia temos que facer un congreso pero agora non se dan as condicións, sería provisional porque habería que facer outro despois do xeral. Para sete meses eu non o vexo, non podemos ir como un partido fraccionado, agora non hai eleccións e temos que centrarnos na recuperación.

-Vostede apostou por Méndez Romeu por vez de Leiceaga, pero ¿non cre que ese socialismo do que fala é o que defende o portavoz no Parlamento de Galicia?

-Leiceaga ten un discurso serio, sólido e coherente, pero eu non o apoiei polas circunstancias que se daban. Pensaba que podería ser un gran voceiro e un gran conselleiro de Facenda, pero que concitase o apoio da sociedade o vía difícil. Concorremos ás eleccións con dous candidatos serios e intelixentes, se non apostei por Xocas foi polo que levaba detrás, por reducir o PSOE a un gueto e deixar un espazo que é o que lle outorga a maioría absoluta a Feijoo. En marzo non tiña maioría absoluta, pero houbo un segmento da poboación que quedou orfa, e uns votaron ao PP e outros abstivéronse, non ían votar nin ás mareas nin ao BNG. Para min non foi unha sorpresa o resultado, aínda sacamos un deputado máis do que pensaba.

-¿Alíñase logo coa tese de Caballero?

-Temos estilos diferentes pero cando algo sae mal e hai un problema de fondo... Nalgunhas cousas coincido con el.

-¿Pensa que debería dimitir a xestora galega?

-Respectarei os ritmos que marquen e as decisións que tomen. Eu creo que ten tanta lexitimidade esta xestora como outra, pero si que a responsabilizo co proceso das candidaturas, foi un erro tremendo porque actuaron con dúas varas de medir; en A Coruña e en Lugo o que diga a maioría é o que vale e en Ourense e Pontevedra o que diga a maioría non vale para nada porque o cambio eu. Eu penso que ten que haber unha xestora de integración cos presidentes das deputacións, os secretarios xerais e os voceiros parlamentarios e, na medida do posible, recompoñer a unidade interna. Que iso coincide co que di Caballero... Ao mellor é el o que coincide co que digo eu. Outra cuestión é como alcalde, penso que é un gran alcalde de Vigo.

-Un alcalde que, por exemplo, mantén un fronte aberto con Santiago polo aeroporto, ¿non?

-Por riba do alcalde ten que haber outras autoridades que fagan prevalecer os intereses xerais de Galicia para non caer no minifundismo.

-¿A Xunta? ¿O Goberno central?

-Non lle podo botar en cara ao alcalde de Vigo que reclame o seu aeroporto. Son o presidente da Xunta e o ministro de Fomento os que non poden delegar as responsabilidades no alcalde.

-Na corporación municipal o PSOE tamén ten os seus problemas...

-É difícil. Paco Reyes está a facer un gran labor, está no punto xusto de non entrar no goberno porque son filosofías diferentes e as mareas necesitan madurar. Eu apostei por non pactar con eles, ao mellor dentro de tres anos, se maduran, digo outra cosa. Mentres tanto o PSOE ten que ser independente; apoiar algunhas cousas e tratar de cambiar outras paréceme correcto.

-Pero leva meses sen ser quen de encher a vacante dun edil.

-Que quen lle corresponde non acabe de tomar unha decisión paréceme irresponsable e intolerable.

-Segue vostede moi ben informado. ¿Pensa volver á política municipal?

-Non sei se volverei. Considérome unha persoa moi activa, en excelente forma física e mental e á miña idade penso que debo seguir contribuíndo no que poida. Os tempos son tan cambiantes que o que debo facer é estar dispoñible e disposto, pero tamén saber estar nun segundo plano se é necesario.

-Aínda pode ser alcalde de novo...

-Nunca se sabe. O PSOE terá que decidir no 2018 o seu candidato e é imposible adiantar o que vai pasar desa ou quen será o que vai estar aí.