Imagen:

Clareo nas veigas do Sarela

O vindeiro venres 17, os veciños de Galeras van render homenaxe a estas mulleres que vivían de lavar roupa ou carrexar auga


«Donas do vento, da auga, do xabón, do claro, do sol e da brancura, mais tamén vivindo na compaña do frío, da néboa, da humidade, da frieira e da reuma». Así, con este fermoso poema en prosa describe o oficio das lavandeiras a historiadora Encarna Otero.

Quixemos traer hoxe esta imaxe de 1905 ás nosas Fotohistorias porque o vindeiro venres 17, os veciños de Galeras van render homenaxe a estas mulleres que vivían de lavar roupa ou carrexar auga, nunhas condicións laborais miserentas e que, malia as adversidades, manteñen neste momento conxelado da fotografía, un sorriso aberto, luminoso, a carón da roupa que tenderon ao clareo á súa esquerda. Realmente estaban de estrea. Tras elas, unha estrutura de madeira, unha marquesiña que se inaugurara precisamente naquel verán da 1905 na zona coñecida como o Espiño, onde hoxe o río Corvo deixa morrer as súas augas no sinuoso Sarela. O Sarela, unha vez máis, todo poesía e traballo na historia de Compostela. Elas, as lavandeiras, estreaban lavadoiro, unha fermosa construción a ollos de hoxe pero que na época, en certos sectores, levantou duras críticas. O fotohistoriador e investigador Carlos Castelao facilítanos varias novas de prensa onde se cualifica esta obra como «burdo lavadero» que «no sirve para maldita la cosa» o «tingladillo al que por mote denominan lavadero» (El Correo de Galicia) e onde se concreta o orzamento municipal para a súa construción: 9.999,78 pesetas... de 1904.

As lavandeiras do Sarela tiñan traballo arreo: «Lavaban a roupa do hospital de Galeras -coméntanos Encarna Otero-, mais tamén lavaban a roupa da prostitución e a das fábricas de coiros. Pero nunca conseguiron sindicarse como si fixeran, por exemplo, as costureiras, onde se chegaron a xuntar en Santiago preto de 700!».

O oficio das lavandeiras e as súas fontes e lavadoiros deixaron enorme pegada na nosa historia... e no noso refraneiro. Dende aquel medieval «Romance de don Boyso», un cantar vagamundo que, na versión galega, principia así: «Camiña don Boyso / mañanciña fría / a terra de mouros a buscar a amiga/ topouna lavando / na fonte fría...» (romance do que chegaría a facer unha adaptación o propio García Lorca, por certo), ata os refráns que se fixaron na lingua do pobo: «Roupa lavada polo sol agarda», «Camisa que moito se lava, logo se acaba», «Hai roupa tendida»...

Na década dos setenta, cando tantas liberdades regresaron, perdeuse en troques un enorme patrimonio arquitectónico en Compostela. Entre as múltiples desfeitas, a desaparición deste lavadoiro. Como mínimo consolo quedan, en Tras Santa Isabel, unas pedras de lavar inclinadas e uns pousadoiros para conter a memoria perdida, e por Compostela abaixo outras alfaias en Picaños ou Cornes daquelas donas do río.

Votación
12 votos
Etiquetas
Federico García Lorca Presupuestos Municipales
Comentarios