Unha cidade en clave... de Fa

Quique alvarellos

SANTIAGO

Eduardo Blanco Amor

A imaxe foi obtida por Blanco Amor na Compostela de 1958

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado venres publicábase nesta edición de La Voz que a Asociación Músicos ao Vivo elaborou un censo de case que 200 proxectos musicais profesionais activos hoxe no municipio e na comarca. É unha mostra de que a pedra de Compostela pide -e acubilla- melodía. Fíxoo sempre. Unha cidade en clave... de Fa.

Se nos remontásemos, por exemplo, a mediados do século XIX, cando a música comezaba a transcender os espazos só relixiosos para conquistar a rúa, presenciariamos xa unha actividade enorme: pensemos que a propia Banda municipal se creaba no ano 1848 (é unha das máis antigas de España, como ben documenta Beatriz Cancela no seu libro sobre a historia desta formación). Tunas, orfeóns, cafés-concerto, verbenas, romarías, representacións de ópera ou zarzuela enchían os espazos deste Santiago de finais do XIX (así o ten estudado polo miúdo outra especialista na materia como é María García Caballero).

Quixemos pois traer ás nosas Fotohistorias esta estampa, ben xenuína e cun arrecendo de melancolía, que ten como protagonista a un fotógrafo de excepción: o escritor ourensán Eduardo Blanco Amor. Brillante e preciso artista tamén, de quen publicamos aquí hai semanas outra imaxe, a da ruela das Apalpas.

Desta volta, tres músicos de rúa fotografados na Compostela de 1958: as súas miradas nos capturan dende o primeiro intre. A instantánea foi publicada en 1993 nun volume editado polo Clube Cultural Alexandre Bóveda de Ourense. O seu artífice, o lembrado Marcos Valcárcel. Titúlase Eduardo Blanco Amor. Fotógrafo. Manuel Forcadela, responsable do limiar, afirma que nestas fotos do escritor (o volume recolle máis de sesenta, das que unhas vinte son de Galicia e dúas de Santiago) «podemos encontrar sempre unha sensación de perda (...). O soño de voltar ao país». Blanco Amor era efectivamente un exiliado. No xornal La Nación de Buenos Aires, en 1941, publicara o artigo Mi invención de Compostela. Nel, pechaba os ollos, imaxinaba e escoitaba isto ao outro lado do océano Atlántico: «Comencé a sentir la ciudad como una dulce y potente música; como si todo yo flotase en una torrencial y unánime melodía».

Isto é a grandeza da música en calquera tempo e lugar. Ser quen de crear un soño de regreso. Unha viaxe (im)posible. Como a desta estampa. Retornemos a ela.

editor@alvarellos.info