Casares e o ovo

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi AO CONTADO

SANTIAGO

17 may 2017 . Actualizado a las 12:36 h.

Cando era un adolescente, e diso hai xa moitos anos, caeu nas miñas mans unha vella edición de Vento ferido, un libro de relatos breves no que descubrín a Carlos Casares como un inmenso narrador. Tal vez un dos mellores contadores de historias que teño lido. Calquera episodio cotián convertíao nun acto solemne e cerimonioso, coma se o tempo se detivera á espera dun desenlace imprevisto. Así atrapaba aos seus lectores. Ese mesmo estilo, esa capacidade de narrar, distinguía tamén as súas columnas diarias en La Voz de Galicia. Con Casares acontecía como cos grandes futbolistas, que semellan non destacar en nada, pero o fan todo moi sinxelo, incluso o máis difícil. E por iso, ao final, sempre están entre os mellores.

Na xornada de hoxe, na que rendemos homenaxe á súa figura no Día das Letras Galegas, acórdome especialmente dun artigo seu na última deste diario. Publicouse en maio de 1999. Acababa de falecer un gran amigo seu, e que foi o seu editor, Luís Mariño, a quen eu tamén coñecín en Santiago por circunstancias familiares. Naturalmente, a columna era unha homenaxe a el, e un marabilloso retrato da súa figura. Este é un extracto daquela memorable peza, coa que rendo homenaxe a Casares neste día de festa para o galego:

«Houbo unha tempada, alá polo final dos sesenta, non recordo se por facer unha broma ou porque non tiñamos diñeiro, entrabamos xuntos nunha tenda que el chamaba Os Miserables e pedía con dignidade de cabaleiro un ovo. “Faría o favor de darme un ovo”. Pagaba e marchabamos, rindo como dous rapaces a preparar algo na cociña: un pretexto só para falar».