O Pedrón de Ouro quedou na casa

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

A Fundación Rosalía, que sempre acolle o acto de entrega destes premios, foi a homenaxeada nesta ocasión xunto co poeta e profesor en Irlanda Martín Veiga

22 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai setenta anos fundouse o Padroado Rosalía de Castro, que mudou en Fundación en 1995 para converter a Casa da Matanza, onde Rosalía de Castro pasou os seus últimos anos de vida, no mellor escaparate da súa obra. E cando esta institución tiña dezasete anos xurdiu a Fundación Pedrón de Ouro, creada para a defensa da lingua e do patrimonio galego, e que desde entón entrega os seus premios de ouro e honra na casa na que viviu a muller que foi quen de iniciar o rexurdimento da lingua galega.

Por iso, a Casa da Matanza viviu onte o acto de entrega destes premios cun extra de agradecemento e emotividade, xa que a Fundación Rosalía de Castro foi recoñecida co Pedrón de Ouro, xunto con Martín Veiga, poeta e profesor en Irlanda, que recolleu o Pedrón de Honra.

O protocolo da xornada non variou respecto ao dos anos anteriores. O acto comezou coa lectura da acta que da conta do acordo da concesión dos pedróns, e cada galardoado tivo o seu mantedor: Pilar García Negro para a Fundación Rosalía de Castro e Isaac Xubín para o seu compañeiro e amigo Martín Veiga.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, mudou o seu papel doutras entregas do Pedrón de Ouro para tomar a palabra pouco antes de recollelo. No seu discurso deu unas grazas especiais «porque o recoñecemento entre próximos, por moi paradóxico que pareza, non é por desgraza o mais común». «Nacestes ao pé da casa de Rosalía, cuxa horta todos os anos compartimos, en común temos boa parte das nosas historias respectivas. O voso símbolo do Pedrón é tan padronés e tan iriense coma a propia Rosalía (...). Eu sempre considerei o Pedrón de Ouro como unha distinción exemplar en canto ao seu criterio, a o seu patriotismo e á súa independencia», engadiu.

Menxaxes reivindicativas

Angueira dedicou a maior parte do seu discurso a nomear unha a unha ás persoas que traballan e traballaron pola Fundación, pero tamén deixou unha mensaxe reivindicativa despois de agradecer o apoio de particulares e institucións: «Boto en falta unha maior protección económica con esta casa. Se tanta e tanta xente é xenerosa con ela, tamén o debe ser o goberno de todos. Trátase da dignidade da casa de quen é o emblema de Galicia, polo que necesita protección institucional».

Martín Veiga, director do Centro Irlandés de Estudos Galegos, tampouco quedou atrás nas reivindicacións: «No plano lingüístico temos a obriga moral como cidadáns de reapropiármonos dos espazos perdidos da mocidade, onde o galego esmorece, e de evitarmos a substitución xeracional. E para iso cómpre maior implicación a nivel persoal e familiar, mais tamén un firme compromiso institucional por parte das administracións que deberan representar os nosos intereses».