Juan Luis, o pintor das ninfas do Sar

Quique Alvarellos

SANTIAGO

cedida

Con 23 anos, foi recoñecido en Madrid e Santiago

18 jun 2017 . Actualizado a las 10:45 h.

Hoxe ten rúa co seu nome moi preto dese río Sar no que el pintara rapazas, claustros e ninfas.... Tivo unha vida longa (89 anos) e foi recoñecido dende moi novo. Hoxe, no entanto, fica esquecido. Juan Luis López (Santiago, 1894-1984), un dos grandes pintores de Santiago de Compostela e de Galicia, que non é dicir pouco, pois esta cidade foi retratada en lenzo (só nos últimos dous séculos) por nomes como Maside, Fierros, Fenollera, Brocos, Díaz Baliño, Díaz Pardo, Corredoyra....

No verán de 1917, hai agora xusto cen anos, recibía Juan Luis un banquete de homenaxe en Compostela. Acababa de ser recoñecido cunha medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid polo seu cadro Florisel. No xurado estaban López Mezquita ou Romero de Torres. Dixeron del que parecía un pintor florentino (como relatan Javier Travieso e Josefina Cerviño no seu libro El pintor Juan Luis, de 1994).

Este premio marcou un punto de inflexión na súa carreira. Aquel ano 1917 supuxo a súa consagración como un dos grandes. A homenaxe celebraríase no Hotel La Perla (actual edificio Viloria, na Senra, aberto apenas dous anos antes). Acudiron 70 personas, entre elas, o catedrático Salvador Cabeza de León ou o deputado Máximo de la Riva, cos que Juan Luis, de tan só 23 anos, compartiu mesa. O artista tamén expuxera, aquel ano, na célebre mostra de Arte Gallego celebrada na Coruña (con Castelao, Abelenda, Álvarez de Sotomayor, Lloréns ou Castro Gil).

A revista Vida Gallega recolle unha imaxe da homenaxe en Santiago e un expresivo retrato do protagonista. As dúas fotografías están firmadas por Ksado e foron publicadas no número 94 (outubro de 1917) desta publicación. Malia a súa precaria calidade na reprodución que hoxe ofrecemos aquí, paga a pena lembralas. Ksado era un mestre dos retratos, captando a mirada do fotografado coma ninguén, e o xogo único de luces e sombras.

Juan Luis, que aprendera a pintar no obradoiro de seu pai Juan López, na Algalia de Arriba, tería logo como mestres e guías a Dionisio Fierros, Fenollera, Asorey ou o propio Valle-Inclán. Con eles foi tecendo e mellorando un estilo propio, sempre en evolución, mais tamén sempre afastado das vangardas. Potencia expresiva da cor, simbolismo, inspiración mesmo en Van Gogh e Gauguin. Nas súas paisaxes de Compostela están eles, os grandes mestres da pintura europea do século XIX e XX. Por iso, sendo tan «clásica», a ollos de hoxe, a súa obra é ao mesmo tempo un espazo de emoción e cromatismo, como esas mozas do Sar que baixa ?e baixan? hoxe tan preto da súa memoria.