Marta Lois: «Bugallo viña cun concello na cabeza que non existe, ese é o problema»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A portavoz de Compostela Aberta sostñen que «todas aquelas críticas á nosa xestión quedan curtas con este goberno»

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta Lois (Vigo, 1969) asumiu o liderado de CA a mediados do 2020, coa marcha de Martiño Noriega. Aínda que CA foi o sustento do PSOE para a tramitación dos orzamentos municipais —«non somos un grupo de bloqueo»—, coa excepción dos que se vincularon á cuestión de confianza, non repara en críticas ao goberno de Bugallo, ao que achaca «soberbia, inacción e parálise da cidade».

—Esta semana houbo nova reunión para o Peleteiro, con avances pero sen acordo.

—Creo que queda pouco, que estamos no camiño practicamente de peche. O que queda agora é un punto de encontro. Creo que ás veces se quere vender a imaxe de que CA está na negativa ou no bloqueo, pero os nosos pasos e as achegas feitas indican todo o contrario. Por iso son optimista, a pesar de que se ten que chegar a un acordo onde a plataforma de afectados, xunto co tecido asociativo e comercial, atopen un encaixe que sexa beneficioso para toda a cidade. Esa peza ten que facerse.

—Vostedes reclaman unha afección mínima para os veciños. Cal é ese mínimo, como o bareman?

—Ten que ser a razoablemente mínima posible que lle vala aos veciños da plataforma, pero teño a confianza de que podemos chegar a ese punto, buscando o encontro, non un choque de trens. Non se trata dun pulso, non imos facer como o PSOE. CA no mandato anterior tiña unha proposta de consenso que non foi apoiada pese a que reunía todas as condicións.

—Iso igual require un tempo que a propiedade pode non estar disposta a agardar xa.

—O tema do Peleteiro leva 20 anos e a propiedade non decide no pleno. O PP incomprensiblemente se pon de perfil, CA mantivo unha posición na que creo que fomos construtivos e recoñezo que o goberno tamén foi movéndose. E a propiedade é un factor importante, pero non decide no pleno. Intuitivamente creo que queda pouco, pero a propiedade non é un actor que vaia votar.

—É certo, pero si pode decidir desenvolver a parcela co que permite hoxe o Plan Xeral, e iso non o quere a corporación

—É certo, e iso podería pasar se nós dixeramos que isto non nos gusta e que non o imos votar. Pero non digo iso, senón que hai un proceso no que hai que chegar a un acordo, e para iso hai que facer tamén concesións para que á plataforma de afectados tamén lle vala. E creo que é cuestión de pouco tempo. Hai canseira de todos, pero non se nos pode imputar a nós este retraso de tres anos.

—Vostedes manteñen unha crítica permanente co xeito de gobernar de Bugallo. Que tal a súa relación?

—No persoal é boa, cordial, é unha persoa que sempre está accesible, pero, dito isto, no político pasaron tres anos e vemos que se demostrou que hai unha caída do mito dos bos xestores, de que viñan aquí a arranxalo todo. Creo que son tres anos perdidos, que este mandato está finiquitado e que todas aquelas críticas a CA en relación á nosa mala xestión quedan curtas arredor dun goberno no que moitos servizos esenciais están como están. Podo empezar por un moi sensible e que toda a poboación pode ver.

—O lixo?

—Si, a recollida, o mal estado dos contedores, é un servizo que dá conta da mala calidade da xestión e da falta de control á concesionaria. CA deixou un prego feito que estaba na vangarda, que apostaba pola compostaxe, pero iso quedou tamén tirado ao lixo. Quixeron facer o seu propio prego e a xente está cansa. Pero non é o único. O transporte, outros tres anos perdidos. CA tiña todo moi avanzado tamén para sacar a nova licitación. E pararon outros tres anos, e este goberno era o que viña aquí a xestionar ben, ían ser os que ían resolver os problemas. Creo que teñen que asumir que non foron capaces e que non o van facer, porque este mandato está finiquitado e non lles vai dar tempo. E a escusa da covid chega ata onde chega.

—Neste caso, tamén o cambio do modelo de propulsión que lle veu imposto ultimamente.

—Se o primeiro ano tivesen vontade política de facelo, e non pensar que eles son máis listos, máis sobrados, pensando nun concello que tiña na cabeza Bugallo cando gobernou no anterior mandato. Eu creo que viña cun concello na cabeza que non existe, ese é o problema, e ten unha equipa frouxa e as relacións internas tampouco é que dean conta de grandes cohesións. Se pensamos nas obras, as que se fixeron e que están inacabadas, foron pensadas para os turistas.

—Fala da de Concheiros?

—E as do Hórreo. Hai obras coas que detectas que Bugallo ten na cabeza un modelo de cidade no que a idea de que o turismo vai como un canón e o Xacobeo é unha marabilla, e esa é unha aposta dun modelo de cidade que a nós parécenos prexudicial e que está deteriorando a cidade, non só o casco vello, que dende maio é un parque temático. Hai unha decadencia absoluta, nótase que a cidade perdeu brillo.

«Hai que pechar as vivendas turísticas sen licenza»

Lois di que non lles gusta o turismo sen control, que o hai que combater e que unha das puntas do iceberg dese problema son as vivendas de uso turístico, que expulsa poboación do casco vello, pero tamén doutras zonas, e que afecta a estudantes e familias. Afirma que o actual goberno «deu continuidade ás políticas que iniciamos nós» nese senso e saúda que a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza diga o que xa diciamos: que non é vivenda, é unha actividade económica e que precisa licenza municipal.

—Agora necesítanse recursos e vontade política non só para dicir que hai case 900 vivendas de uso turístico irregular, é que hai que pechalas, hai que sancionalas e buscar que o mercado da vivenda na cidade permita que a xente que traballa aquí, as familias e os estudantes, poidan quedar.

—Aviturga insiste en que non precisan licenza municipal e que seguirán operando.

—O discurso de Aviturga vímolo dende o primeiro momento e os técnicos municipais advertiron a moitos dos seus asociados que se necesitaba licenza. Non podemos pasar por esa actitude inocente de que tiñan unha licenza autonómica e polo tanto agora van ser castigados. Diso nada, no Concello hai unha equipa técnica que advertiu de que esta é unha actividade económica e de que o Concello é o que ten que dar licenza ou non. Polo tanto, non me parece unha boa vía dicir que non pasa nada. O goberno debe aprobar agora a modificación do Plan Xeral que o regula no resto, porque o problema é xa no conxunto da cidade.

—Sen o pulo agora da presenza parlamentaria das mareas, como vai enfrontar Compostela Aberta a próxima cita electoral?

—Pulo, ou nalgún momento escollo, porque as tensións que puido haber a outro nivel político tamén puideron repercutir no funcionamento normal do que eran os municipalismos. Pero, no local, o posicionamento da cidadanía é moi distinto. Falta un ano, CA ten experiencia e traxectoria de goberno e capacidade de trasladar políticas innovadoras e transformadoras, nas que houbo pasos atrás estes últimos anos, e propostas de futuro. CA ten moitas e espazo propio para poder sacalas adiante e que a xente valore.