O ciclo Clásicas Desfeitas une o teatro de Galicia, Portugal e América Latina no marco das residencias REGA do Gaiás

La Voz

SANTIAGO

ROCIO CIBES

A Cidade da Cultura apoiará unha vintena de proxectos creativos durante este ano

17 feb 2023 . Actualizado a las 09:43 h.

A nova edición do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, REGA 23, apoiará este ano unha vintena de propostas. Entre elas destaca o ciclo Clásicas Desfeitas en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG), que esta vez dá un paso máis e se internacionaliza. Deste xeito, participarán na iniciativa a directora artística da Compañía Nacional de Teatro de México, Aurora Cano; o director artístico de El Muro, o uruguaio Iván Solarich; e o director do CDG, Fran Núñez, ademais dun elenco de artistas de Galicia, Portugal, México, Cuba e Uruguai.

As iniciativas, que poderán verse os días 17, 18, 23 e 24 de marzo no Gaiás están centradas no mito de Antígona, en Rosalía de Castro e en Sor Juana Inés de la Cruz. "O ano pasado fomos a Almagro e isto supón un salto á internacionalización", apuntou o director do CDG, Fran Núñez. 

Entre as residencias, que foron presentadas onte no Gaiás, non faltarán tampouco as literarias, co proxecto dirixido por Javier Peña. O prazo para anotarse está aberto ata o 20 de marzo. Este ano contará coa mexicana Brenda Navarro e a galega Marilar Aleixandre."Hai varias novelas de persoas que pasaron pola residencia que están en mans das editoriais", incidiu Javier Peña.

Coa colaboración co Festival Resis da Coruña, desenvolverase un proxecto do compositor Pedro González, que combinará realidade virtual e música. O resultado presentarase tanto nun concerto na Cidade da Cultura como no festival Resis. "Proxectos experimentais como os nosos serían imposibles sen este tipo de colaboración", afirmou a directora do festival, Clara Porta. Precisamente, a deseñadora Inés Rodríguez, que foi unha das beneficiarias das bolsas REGA do 2022 salientou a oportunidade que supuxo para poder experimentar con novos materiais. Este ano, desde a Cidade da Cultura xa anunciaron unha nova convocatoria destas axudas.

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, resaltou durante a presentación a importancia do apoio á creación.A Xunta, a través do Fondo Gaiás, inviste un total de 108.000 euros nas bolsas REGA. A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, indicou que están traballando en novas iniciativas, como poden ser no eido dos videoxogos. Desde a creación das residencias REGA beneficiáronse medio cento de iniciativas.