Martín Lea: «No Golfo de Guinea pasei medo, porque é unha zona de alto risco»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Sinala que a súa é unha profesión vocacional para a que cómpre ter carácter

07 mar 2023 . Actualizado a las 22:15 h.

Son poucos os que escollen estudar a carreira universitaria que os converte en mariños mercantes, pero non é o caso de Martín Lea Fernández, natural de Vilar de Calo (Teo) que ten agora 25 anos. Logo de graduarse na Coruña en Náutica e Transporte Marítimo, está a facer o master habilitante para ser capitán. «Levo dous anos navegando en calidade de alumno de ponte. Empecei nun petroleiro dunha compañía española, pero non era o que buscaba. Son mareas de seis meses, apenas baixas a terra e a vida a bordo faise dura», tal como explica o xove Lea.

Esa primeira singladura levouno a embarcar en Singapur, navegar por Asia Menor e levar un flete ao Golfo de Guinea. «Desde Malasia navegamos máis de corenta días sen atracar. Cando estás na metade do Índico non hai nada, crúzaste cun barco cada tres días, sentes soidade, a conexión a Internet é moi deficiente, así que combates todo isto facendo bastante vida a bordo. Os horarios mállante, polo que o resto do tempo tes que descansar. Lévoo ben, pero ao mellor dentro de dez anos estou queimado», segundo indica. Nesta primeira marea tivo, ademais, unha «experiencia impactante: No Golfo de Guinea pasei medo, porque é unha zona de alto risco, de piratas. Tivemos unha alerta laranxa, que é cando se aproxima un barco sospeitoso. De feito, en Togo collemos persoal armado», engade.

Como alumno en prácticas, conta que aprendes a usar os instrumentos de navegación, pero tamén o traballo de cuberta. Logo da primeira e intensa experiencia, Martín atopou traballo na navieira americana Carnival, que posúe vinteoito barcos, de tal forma que se embarcou nun cruceiro de gran pasaxe para facer rutas polo Caribe. «O cambio foi ben, gustoume a vida a bordo, podiamos baixar a terra, estivemos nas Bahamas, Illas Caimán, Xamaica, México… O porto base tiñámolo en Miami», segundo indica o mariño. No petroleiro só ía unha tripulación dunha vintena de persoas, mentres que no cruceiro se superaba o milleiro entre tripulantes e pasaxeiros. «Non ten nada que ver un con outro, claro. No cruceiro estás máis centrado na navegación e a seguridade; ademais, hai oficiais para todo. No petroleiro eramos todos hispanos: españois, peruanos e hondureños. No cruceiro había máis dun cento de nacionalidades. A compañía traballa moito os valores propios dun ambiente tan intercultural. Os casos de acoso, por exemplo, están moi vixiados: pero en xeral a convivencia é boa, fanse festas ou actividades para a tripulación, sen mesturarnos coa pasaxe», advirte.

A de mariño mercante é unha profesión con «moito futuro», indica, porque hai escaseza. «A xente quere ir ao mar cada vez menos. Tamén hai moito descoñecemento, porque hoxe os períodos de embarque son máis curtos e as comunicacións son mellores que antes», explica. «É unha profesión vocacional, tenche que gustar. Estar nun buque fórxate, esculpe a túa actitude, cómpre ter carácter, pero ao mesmo tempo estar tranquilo para tomar as decisións correctas. Ás veces isto lévache a un punto de estrés moi alto e obrígache a estar curtido», declara o mariño que aspira a ser capitán. Na Escola de Náutica da Coruña apenas hai un terzo de alumnas, no petroleiro había unha e nos cruceiros hai «moitas» mulleres oficiais, conta Martín. «Cando saes da Escola é o máis complicado. Tes que ter bo nivel de inglés, porque é a lingua de traballo. Eu téñoo, porque fixen unha inmersión nunha familia de California todo un verán. Tamén falo francés e portugués», apostila.

Martín «quere» seguir formándose, continuar navegando en cruceiros, pero «optar» a mellores contratos. «Os salarios son moi variables, depende moito da compañía. A partir de terceiro oficial para arriba xa son bos soldos». Estas semanas anda pola casa familiar, vendo aos amigos e viaxando «por pracer», porque a mediados de marzo debe embarcar en California e traballar en cruceiros polo Pacífico durante catro meses. Boa travesía!