O foro do CCG en Melide sobre a historia de Galicia abordará as vilas con muralla

La Voz MELIDE

SANTIAGO

Vista, en 1915, da muralla de Melide na hoxe rúa do Convento
Vista, en 1915, da muralla de Melide na hoxe rúa do Convento Cedida

A localidade converteuse nun foro para abordar a historia da comunidade galega

19 nov 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Dende que Melide conmemorou hai tres anos o quinto centenario da asemblea de nobres e prelados que, en 1520, a situaron no epicentro político do entón Reino de Galicia, a vila converteuse nun foro para abordar a historia de Galicia, dende perspectivas que teñan o seu eco no propio devir local. Logo de afondar, o ano pasado, nos cruceiros góticos, co melidense de San Roque como emblema, as xornadas «A unha voz na metade do reino», impulsadas polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Museo da Terra de Melide, poñerán sobre a mesa o coñecemento das vilas amuralladas.

A convocatoria será, coincidindo coa propia efeméride, o vindeiro 4 de decembro, e, para, esa data, a organización avanzou xa na programación dunha serie de relatorios que ofrecerán dende unha visión xeral das murallas como elementos de protección e control da poboación, ata a particularidade, como vilas amuralladas que foron, de A Guarda, Allariz, Viveiro e Melide. O director do museo melidense, Xosé Manuel Broz, será o relator da charla sobre a extinta muralla que cercaba o casco vello da vila, e da que o último documento que proba a súa existencia é unha fotografía de 1915 que capta o que hoxe é a fachada da rúa homónima que dá acceso á praza do Convento. A arqueóloga da galería etnográfica da comarca, Cristina Vázquez Neira, salienta a importancia das xornadas para situar Melide no circuíto cultural galego, toda vez que «mantendo o espírito da data que se conmemora, seguimos xuntándonos en Melide para falar de Galicia». A cita, aberta ao público no centro sociocultural Mingos de Pita, é tamén razón para «enchernos de orgullo do noso pasado, e transmitirlle aos veciños a importancia histórica da vila, cun papel protagonista que axudou a escribir a historia de Galicia. Quédanos claro que isto é así —engade— cando o propio Consello da Cultura Galega e, particularmente, a súa presidenta, Rosario Álvarez, queren que estas xornadas se manteñan no tempo».